Compartir

Taco de boi, glaseado de castaña de Galicia e mazá do país

Taco de boi, glaseado de castaña de Galicia e mazá do país
Ingredientes

Taco de boi:

  • 500 gr. de lombo de boi cortado en 4 tacos
  • 150-200 gr. de fariña de castaña de Galicia
  • 1 litro de fondo escuro sen tomate (que xa temos feito)
  • 100 gr. de castaña de Galicia.
  • sal
  • aceite de oliva virxe extra

Mazá do país:

  • 2 mazás “reineta-ácida” do país
  • auga
  • 2 gotas de zume de limón
  • un chisco de sal

Portobello salteado en viño tinto:

  • 50 gr. de cogumelos portobello
  • un chorriño de Mencía da IXP Val do Miño-Ourense
  • aceite de oliva virxe extra
Tipo de prato
Segundo

Taco de boi:
Poñer a reducir o fondo escuro nunha marmita a lume medio-suave ata que reduza a metade (aproximadamente dúas horas). Despois colar e cambiar a unha marmita máis pequena e seguir o proceso ata que queden aproximadamente 250 ml. (1/4 do inicial). Colar outra vez e cambiar a unha tarteira pequena, engadir a castaña e deixar a lume moi suave ata que as castañas estean moi moi tenras.
Retirar do lume e triturar no robot de cociña a potencia máxima durante 2-3 minutos. Colar de novo e reservar.
Marcar na prancha ou na tixola ben forte os tacos de boi por todos os seus costados. Retirar os tacos e os pasalos por fariña de castaña de Galicia.
Nunha tixola darlle un golpe de fritura forte aos tacos de boi. Reservar.
Noutra tixola poñer un pouco da nosa glasse e cando colla calor introducir os tacos de boi e coa axuda dun pincel glasear por todos os costados durante un pouquiño.
Servir.

Mazá do país:
Nunha tarteira con auga fervendo engadir un par de gotiñas de zume de limón e blanquear durante 3 minutos aproximadamente as mazás peladas e cortadas en tacos. Retirar e escorrer. Introducir no robot de cociña cun chisco de sal a máxima potencia durante 3 minutos. Servir.

Salteado de portobello en viño mencía da IXP Val do Miño-Ourense:
Saltear os cogumelos portobello nunha tixola a lume forte cun pouco de aceite.
Sazonar e engadir un chorriño do viño. Deixar reducir case por completo. Servir.

Montaxe do prato:
Dispoñer nun prato un pouco do puré de mazá do país, sobre el un taco de boi glaseado en castaña e cunha culler salsear cun pouco máis de glassé. Gornecemos cunha seta portobello, unha castaña cocida e decoramos cunha flor pensamento mini.