Que son?

Galicia, cos seus escasos trinta mil quilómetros cadrados, contén -grazas á súa posición xeográfica no extremo noroeste peninsular, ao seu longo e sinuoso perfil costeiro e á súa accidentada orografía- unha diversidade de microclimas que, unida á presenza de solos tamén moi diversos, dan lugar a unha rica agricultura produtora de materias primas de gran calidade e valor culinario. A esta influencia do medio natural -o que os franceses adoitan chamar o "terroir"- hai que engadir o saber facer dos homes e mulleres do noso agro, que preservando o patrimonio xenético que representan as variedades e razas autóctonas e utilizando técnicas de cultivo, produción e elaboración tradicionais, son os auténticos protagonistas dunha amplísima oferta gastronómica que forma parte da cultura do país. Son as nosas EXPERIENCIAS DE CALIDADE: produtos con denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, produtos ecolóxicos e produtos artesanais.


Denominación de orixe protexida (DOP)

Os produtos con denominación de orixe protexida (DOP) son aqueles nos que a súa calidade ou características se deben ao medio xeográfico, cos seus factores naturais e humanos, e nos que as súas fases produción teñen lugar na súa totalidade nesa zona xeográfica delimitada da que toman o nome.


Indicación xeográfica protexida (IXP)

Os produtos con indicación xeográfica protexida (IXP) posúen algunha calidade determinada, reputación ou outra característica que poida atribuírse a unha orixe xeográfica e algunha fase da súa produción ten lugar na zona xeográfica delimitada da que toma o seu nome.


Produción ecolóxica

A produción ecolóxica, tamén chamada biolóxica ou orgánica, é un sistema de xestión e produción agroalimentaria que combina as mellores prácticas ambientais xunto cun elevado nivel de biodiversidade e de preservación dos recursos naturais, así como a aplicación de normas exixentes sobre benestar animal, coa finalidade de obter unha produción conforme ás preferencias de determinados consumidores polos produtos obtidos a partir de sustancias e procesos naturais.


 

Artesanía alimentaria

A artesanía alimentaria é unha actividade de elaboración, manipulación e transformación de alimentos caracterizada pola suxeición  a determinadas condicións durante todo o proceso que garanten ás persoas consumidoras un produto final individualizado, seguro desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal da artesá ou o artesán.