Información xeral
Empresas elaboradoras
Receitas

Rosalía de Castro no seu poema Albariñas uvas xa facía referencia ao viño da súa terra:
"¡Ouh miña parra de albariñas uvas, que a túa sombra me das! [...]
¡Xa non vos deixo, que as angustias negras lonxe de min se irán!”
Medio Natural
Dentro desta comarca, case a totalidade da superficie dedicada ao cultivo do viñedo se encontra por baixo dos 150 m sobre o nivel do mar, situada en zona costeira (zona baixa do litoral marítimo norte da Ría de Arousa así como no leito inferior e desembocadura do rio Ulla cara á mencionada ría), con suaves pendentes, con clara orientación sur, protexida pola serra do Barbanza que exerce un importante efecto barreira sobre a penetración dos ventos oceánicos, o que representa as condicións idóneas para unha área de gran produtividade agrícola.
Estes viños son fiel reflexo dos efectos das condicións termopluviométricas e agronómicas para unha vitivinicultura de calidade, ao que debe sumarse o efecto do factor humano que se concreta no adecuado axuste varietal (o viño é elaborado maioritariamente con variedades autóctonas da zona), a implantación das viñas nos solos francos, profundos e permeables, característicos desta área xeográfica e as correctas prácticas culturais, entre as que destaca a poda e condución das viñas, que se realiza manualmente e con mestría para facer un adecuado control do potencial vitivinícola.
Todas estas condicións tenden a conferir aos viños producidos nesta comarca equilibrio e harmonía, excelentes expresións aromáticas e boas características de conservación.
Materias primas
+
As variedades de uvas empregadas son:
- Para o branco: Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira (Loureiro Branco ou Marqués), Treixadura, Branco lexítimo (Albarín Blanco), Agudelo (Chenin Blanc) e Torrontés.
- Para o tinto: Brancellao, Caíño Tinto, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía, Sousón e Merenzao.
Características do produto
+
Os viños brancos presentan tons amarelos dourado brillantes, con destacados aromas florais e de froitas, boca lixeira e fresca, de bo potencial aromático e con toques cítricos ao final.
Os viños tintos presentan unha capa media con tons vermello picota e reberetes violáceos, de estrutura media e paso suave con aromas de froitas vermellas e silvestres cun toque final lixeiramente tánico.