Información xeral
Empresas elaboradoras
Receitas

Os viños do Ribeiro son viños de paisaxe e territorio, tradicionalmente elaborados por sabias mesturas de variedades autóctonas, cada unha delas aporta as súas peculiaridades para obter viños auténticos e xenuínos. Viños de marcados trazos atlánticos, frescos, finos e elegantes, matizados por unha suave influencia do clima mediterráneo. O característico factor de transición climática xunto coas orientacións e pendentes da viña, a utilización e mestura de variedades locais e o tipo de solo, marcan o estilo Ribeiro. Ademais, a diferenciación dos tres vales (Avia, Miño e Arnoia) que compoñen a denominación de orixe converten ao Ribeiro nun mosaico da diversidade.
Medio Natural
A Denominación de Orixe Ribeiro sitúase no borde noroccidental da provincia de Ourense e nas confluencias dos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia. Unha comarca a 45 km. do océano Atlántico, nunha zona moi particular e de excelente aptitude para o cultivo da vide.
Estes vales configuran unha contorna natural formada por ladeiras, bancais e terrazas, excelentes para a produción de viños de calidade. Todo iso favorecido por un microclima moi peculiar, ventilado e con boa exposición para a maduración das variedades autóctonas do Ribeiro.
As características dos solos da zona xunto coas condicións climáticas existentes e os contrastes da súa orografía conforman unha zona cunhas características naturais óptimas para o cultivo do viñedo, obténdose un produto final específico e adaptado ao medio.
As variedades presentes son principalmente variedades autóctonas, seleccionadas ao longo dos anos polos viticultores da zona. Estas variedades están adaptadas e toleran as condicións edafoclimáticas existentes, o que orixina unha serie de viños específicos desde o punto de vista fisicoquímico e sensorial.
Ao longo do tempo os viticultores buscaron os mellores terreos aos que foron sometendo ás correccións necesarias para mellorar a súa fertilidade e sobre os que, en moitas ocasións, tiveron que construír muros para conter o terreo, frecuentemente en ladeiras, configurándose así unha paisaxe singular modelada polo home.
Ademais, na calidade e características específicas do produto é moi importante o traballo dos produtores locais, tanto na condución e na poda das cepas, para un adecuado control do potencial vitivinícola, como na selección da uva, que se vendima manualmente. Todo o anterior, unido a unha elaboración baseada nos métodos tradicionais pero á que se engadiu o uso da moderna tecnoloxía enolóxica, permite que os viños da DO Ribeiro sexan dos máis coñecidos polos consumidores españois, e cada vez máis nos mercados exteriores.
Materias primas
+
As variedades de uvas empregadas son:
- Brancas: Treixadura, Torrontés, Godello, Albariño, Loureira, Lado, Caíño branco, Palomino e Albilla
- Tintas: Caíño longo, Caíño bravo, Caíño tinto, Ferrón, Sousón, Mencía, Brancellao, Garnacha Tintorera e Tempanillo
Características do produto
+
Os viños brancos do Ribeiro, de produción maioritaria, están elaborados na súa maioría coa uva Treixadura acompañada con outras variedades en menor proporción. Adoitan ser viños xoves e con alto potencial de envellecemento en botella.
Destacan pola súa elegancia e sutileza, os aromas de froitas maduras e froitas frescas, notas florais, meles, herbas aromáticas e balsámicos. En boca son equilibrados, finos e delicados. Viños harmónicos, frescos, aromáticos e de boa persistencia. Os brancos do Ribeiro son viños gastronómicos e versátiles que evolucionan moi ben en botella.
Os viños tintos do Ribeiro son auténticos, con carácter e xenuínos. Representan sobre o 10% da produción e a súa personalidade vén marcada polas uvas autóctonas.
Intensos, orixinais e expresivos. Caracterízanse polos aromas de froitas vermellas e negras, notas florais de violetas, regaliz, especias e balsámicos. Tintos de boa carga tánica, carnosos, estruturados e cun punto de acidez que potencia o seu frescor e equilibrio.
O viño tostado é un viño naturalmente doce de larga tradición no Ribeiro. Unha auténtica xoia enolóxica de produción laboriosa, complexa e moi escasa.
Para a súa elaboración unicamente se utiliza o mosto procedente da selección das mellores uvas autóctonas pasificadas a cuberto. É un viño doce intenso, complexo e peculiar. Aromas de froitos secos e confeitados, mel, flores amarelas, doce de marmelo, pel de laranxa confeitada. Viños concentrados con bo equilibrio entre a acidez e a dozura. Untuosos e moi persistentes no padal.
Os escumosos son viños elaborados mediante o “método tradicional”.
Foron amparados legalmente no ano 2017 nos seus tipos Brut e Brut Nature, tanto rosados coma brancos. Utilízanse principalmente variedades que aportan maior estrutura, axeitada acidez e pH.