Información xeral
Empresas elaboradoras
Receitas

A Ribeira Sacra é viño, pero tamén é paisaxe, gastronomía e arte románico.
Os bancais nos que se cultivan as súas vides son imaxe dunha forma de vida e da paisaxe que a enmarca. O terreo admite pouca mecanización por iso os vendimadores realizan o seu traballo artesanalmente, subindo e baixando as escarpadas ladeiras para mimar día a día as súas vides.
Unha vez que a terra e o sol transmitiron á uva toda a súa autenticidade e sabor, os acios vendímanse un a un e deposítanse coidadosamente en caixas de vinte kilos. Logo son transportados a ombreiros ata os camiños ou ata o río para que, con vehículos ou barcas, as uvas fagan a súa última viaxe ata as adegas.
As uvas son procesadas nas adegas onde se conxuga a tradición coa vangarda para producir uns viños de características únicas.
É un traballo heroico en total equilibrio coa natureza e cunha tradición milenaria para regalarnos uns viños de altísima calidade.
Medio Natural
A Denominación de Orixe Ribeira Sacra sitúase ao longo das ribeiras dos ríos Miño e Sil, no sur da provincia de Lugo e no norte da de Ourense e engloba cinco subzonas:
- Subzona de Amandi
- Subzona de Chantada
- Subzona de Quiroga-Bibei
- Subzona de Ribeiras do Miño
- Subzona de Ribeiras do Sil
As características dos seus solos e as condicións climáticas unidas aos contrastes da súa orografía conforman unha zona con boas características para o cultivo do viñedo.
A maduración ten moito que ver coa orientación ao sol e a altitude á que se sitúan as viñas. A Ribeira Sacra caracterízase polos grandes contrastes xeográficos, profundas concas xeográficas e alienacións montañosas, feito que se reflicte nos seus viños.
As variedades presentes son fundamentalmente variedades autóctonas seleccionadas ao longo dos anos, que orixinan uns viños específicos desde o punto de vista fisicoquímico e sensorial.
Os viticultores buscaron as mellores ladeiras ben orientadas e con solos adecuados, sobre as que construíron muros de pedra para abancalalas e configurar unha paisaxe absolutamente singular.
Hai que destacar o rigor dos controis de calidade que se aplican, que fixeron posible o prestixio dos viños da Ribeira Sacra.
Pero a Ribeira Sacra, que sen dúbida ten o viño como aceno principal de identidade, é un todo que harmoniza paisaxes de flora atlántica coa vexetación mediterránea no val do Sil; é un conxunto que combina unha importante riqueza de monumentos románicos cos vales dos seus ríos; é a expresión máis evidente de como o respecto á tradición pódese e débese combinar coa moderna forma de entender o mundo do viño.
Materias primas
+
As variedades de uvas empregadas son:
- Brancas: Albariño, Loureira, Treixadura, Godello, Dona Branca, Torrontés, Branco Lexítimo e Caíño Branco
- Tintas: Mencía, Brancellao, Merenzao, Tempranillo, Sousón, Caíño Tinto, Caíño Longo, Caíño Bravo, Garnacha Tintureira, Mouratón e Gran Negro
Características do produto
+
Os viños tintos, nos que a Mencía é a variedade maioritaria e fundamental, son limpos e brillantes, de capa media alta, con tonalidades que van dende o vermello cereixa ao vermello con reberetes púrpura; lembran en nariz aos froitos vermellos e á froita de óso; acaban, en boca, sendo francos e equilibrados, amplos e de gran persistencia aromática en retronasal.
Os viños bancos, elaborados fundamentalmente coas variedades Godello, Treixadura e Albariño, sendo a primeira delas a máis abundante, son limpos e brillantes, ofrecendo tons dende o amarelo pálido ao dourado; francos en nariz, lembran aos froitos brancos de pebida e óso; presentan un gran equilibrio entre acidez e alcohol, sendo o recordo á froita antes mencionada unha característica do seu paso por boca.
Os viños rosados, elaborados fundamentalmente coas variedades Mencía, Brancellao ou Merenzao, son limpos e brillantes, abertos de capa, con tonalidades entre o rosa pálido e o vermello cereixa. Os seus aromas lembran sutilmente aos froitos do bosque e á froita vermella de óso. En boca, o seu equilibrio entre alcohol e acidez dá paso a unha sensación en retronasal devedora da froita antes nomeada e persistente.