Información xeral
Empresas elaboradoras
Receitas

Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas poden presumir da súa riqueza, non só polos aromas e sabores que transmiten, senón por todas as sensacións e imaxes que evocan.
Son viños cargados de significados, que van dende as peculiaridades do clima atlántico e a personalidade dunha terra única, ata a inesquecible colección de momentos que podes vivir con eles.
Medio Natural
A Denominación de Orixe Rías Baixas engloba cinco subzonas:
- Condado do Tea
- O Rosal
- Ribeira do Ulla
- Soutomaior
- Val do Salnés
Estas subzonas encóntranse enclavadas na provincia de Pontevedra, agás a subzona da Ribera do Ulla que ten parte do seu territorio na provincia da Coruña.
As características dos diferentes solos da zona xeográfica xunto coas condicións climáticas conforman unha zona con características favorables para o cultivo do viñedo, obtendo un produto final adaptado perfectamente ao medio.
A variedade Albariño é a gran protagonista dos viños que aquí se producen. Os viños que se elaboran con esta variedade son viños complexos a nivel aromático debido ao gran número de descritores que os caracterizan, entre os que destacan a mazá, cítricos, florais (rosa), froita madura e herbáceos.
Ademais, na calidade e características específicas do produto, é de gran importancia o esmero con que traballan os produtores locais, que coñecen as súas viñas grazas á sabedoría que dá unha longa experiencia no seu coidado, tanto na condución, como na poda e o atado das cepas, para un adecuado control do potencial vitivinícola, ou na selección da uva. A iso debemos sumar o rigor nos controis de calidade que se aplican, que fixeron posible o prestixio que os viños da DO Rías Baixas teñen tanto en España como nos mercados internacionais.
Materias primas
+
As variedades de uvas empregadas son:
- Brancas: Albariño, Loureira (Loureiro branco ou Marqués), Treixadura, Caíño branco, Torrontés e Godello.
- Tintas: Caíño tinto, Castañal, Espadeiro, Loureiro tinto, Sousón, Mencía, Brancellao e Pedral.
Características do produto
+
Sen dúbida, a variedade raíña nesta denominación de orixe é a Albariño. Esta variedade alcanza a súa máxima expresión cualitativa no clima e solo propio desta zona. Ademais, se analizamos o seu código xenético, a dita variedade posúe unha gran capacidade de produción de azucres, superando nun 12% o volume de alcohol. Outra das características excepcionais da Albariño é que mantén unha riqueza en ácidos que moi poucas variedades conseguen en todo o mundo, unida a unha riqueza en compoñentes aromáticos e sápidos que fai os seus viños moi identificables.
Outra variedade, a Loureira, tamén coñecida como Marqués, é apreciada pola súa riqueza en aromas e sabores orixinais que lembran ao loureiro, de onde toma o seu nome, e que confiren unha gran personalidade aos viños. Calidades ás que non son alleas os viticultores e as adegas desta denominación. Aínda que non é unha variedade contemplada para a elaboración de viños monovarietais, porque a súa relación azucre-acedos non é a máis óptima (baixa produción de azucre e elevada de ácidos), a achega prudente da Loureira a plurivarietais en base ao Albariño permite a obtención duns viños de gran nivel e orixinalidade, como os da subzona do Rosal.
Pola súa banda, a Treixadura, que é a terceira variedade de calidade recomendada para o cultivo, ten un hábitat natural na subzona do Condado do Tea, aínda que está pouco estendida. Trátase dunha variedade que achega frescura e acidez aos viños, engadindo eses toques de mazá verde.
As variedades tintas, ata o de agora, na denominación de orixe Rías Baixas contan cunha presenza menor. Pero o certo é que durante os últimos anos a aposta do sector por incorporar novos viños que acheguen diversidade á produción, unido ás novas demandas do mercado, está a cambiar esta tendencia. Cada vez son máis os viticultores que incorporan variedades tintas aos seus viñedos, atraídos pola singularidade de variedades como a Brancellao, Espadeiro, Caíño tinto, Sousón, Loureiro Tinto, Mencía, Pedral e Castañal, que achegan orixinalidade e diferenciación a estes viños tintos. Ata o de agora estas variedades tintas elaboráronse tradicionalmente neste territorio para autoconsumo.