Información xeral
Empresas elaboradoras
Receitas

O especial microclima de Monterrei, xunto cos solos, as variedades de uva e a creatividade dos adegueiros fan que estes viños posúan unha marcada personalidade. Uns viños que proporcionan unha experiencia deliciosa digna de compartir.
Medio Natural
A zona de produción está enclavada na comarca de Verín, ao sur da provincia de Ourense e ten dúas subzonas: o Val de Monterrei e a Ladeira de Monterrei
As condicións climáticas, entre as que hai que destacar as baixas precipitacións e elevadas temperaturas durante o verán, con valores para ambos os parámetros bastante diferentes aos doutras zonas vitivinícolas de Galicia, supoñen unhas condicións excelentes para o desenvolvemento das vides.
As variedades utilizadas son autóctonas e están perfectamente adaptadas ás condicións edafolóxicas e climáticas da zona, achegando aos viños elaborados unhas propiedades fisicoquímicas e sensoriais con identidade propia da zona de produción.
Ao longo dos séculos os viticultores buscaron as mellores zonas para o cultivo e someteron estes terreos ás correccións necesarias para mellorar a súa fertilidade. Isto, unido a unha elaboración baseada nos métodos tradicionais á que se engadiu o uso da moderna tecnoloxía enolóxica, permite que os viños da DO Monterrei manteñan elevados niveis de calidade e identidade propia.
Materias primas
+
As variedades de uvas empregadas son:
- Para o branco: Godello, Treixadura, Dona Branca, Albariño, Loureira, Branca de Monterrei e Caíño Branco
- Para o tinto: Mencía, Tempranillo (Araúxa), Merenzao, Caíño Tinto e Sousón
Características do produto
+
Os viños brancos son corpulentos, aromáticos, de cor amarela dourada ou pallosa, cunha graduación alcohólica media próxima aos 13 graos, plenos, saborosos, equilibrados en acedume e con moi boa persistencia.
Os tintos de Monterrei caracterízanse por ter cor púrpura, agradable aroma a froitas vermellas ou negra, con bo equilibrio alcohol-acidez. Maioritaritamente son viños novos pero cada vez se están a elaborar máis tintos sometidos a procesos de envellecemento en barrica