Información xeral
Empresas elaboradoras
Receitas

O licor café é unha das marcas gastronómicas de Galicia, trátase dunha bebida con gran tradición na comunidade.
A súa historia vai unida á historia do rural galego onde todo se aproveitaba para sacar o maior partido posible.
O licor café é o rei das sobremesas galegas, en calquera festexo familiar nunca falta unha botella deste prezado elixir.
Medio Natural
A área xeográfica delimitada da indicación xeográfica Licor Café de Galicia, na que se debe producir a uva e, como subproductos da vinificación, os bagazos e leas e na que se debe realizar o seu destilado así como a elaboración e o envasado, abarca todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
A zona de cultivo, as condicións climáticas e edafolóxicas, así como as variedades de uva utilizadas e o territorio onde se cultiva condicionan as características do produto obtido.
Materias primas
+
O Licor Café é unha bebida espirituosa obtida a partir de augardente de bagazo amparada pola Indicación Xeográfica “Orujo de Galicia” (mínimo 25% do alcohol total) e alcohol etílico de orixe agrícola mediante maceración e/ou destilación do alcohol en presenza de café de torradura natural.
Está prohibida a utilización de café torrefacto e a adición de calquera extracto, concentrado ou outro produto substitutivo do café de torradura natural.
Características do produto
+
As características organolépticas son as seguintes:
- Aspecto: limpo.
- Cor: pode variar dende tostada ámbar a tostada caoba.
- Aroma: intenso, fino, delicado, saboroso, amplo, con recordos a café recentemente tostado, cacao e chocolate, nun fondo dun destilado de augardente de bagazo fino e elegante.
- Sabor: doce, con recordos do destilado, denso, envolvente, cremoso e persistente, con predominio das notas a café e a caramelo e recordos a chocolate ou cacao. Pode presentar tamén algún matiz final amargo pero elegante.