Información xeral
Empresas elaboradoras
Receitas

O queixo San Simón da Costa é un produto susceptible de ser degustado a través de varios sentidos. Ao seu exquisito sabor, que suxire noces, prantas e un delicado recendo do fume da lareira, únese un leve aroma ao leite acabado de muxir. Unha delicia que colmará os sentidos dos consumidores máis esixentes, que non poderán resistir a tentación materializada nun queixo de codia afumada con madeira de bidueiro.
Medio Natural
A zona de produción, tanto do leite como do queixo está constituída pola área xeográfica que abrangue a comarca da Terra Chá, na provincia de Lugo.
A área xeográfica de produción caracterizase pola presenza de fértiles vales interiores protexidos por sistemas montañosos, nos que abundan os pastos.
A produción láctea está baseada en pequenas explotacións, con importante presencia de exemplares de razas autóctonas, o que lle confire ao leite unhas características peculiares e de gran calidade. A alimentación destes animais é principalmente a base de pastos e forraxes producidos pola propia explotación, aproveitados mediante pastoreo.
Os produtores da rexión atesouran unha larga tradición na elaboración destes queixos, de características singulares, como son a súa forma e aroma, que permite a súa inmediata identificación, e conseguen que os seus produtos alcancen un gran prestixio e recoñecemento entre os consumidores.
Neste medio natural abunda o bidueiro. A súa madeira, utilízase no afumado, o que lle proporciona ao queixo unha cor e aroma inconfundibles.
Materias primas
+
O leite que se utilice para a elaboración do queixo San Simón da Costa ha de ser leite de vaca natural e enteiro procedente do muxido de vacas das razas Rubia Galega, Parda Alpina e Frisona ou os seus cruzamentos entre si, pertencentes a explotacións saneadas inscritas nos rexistros da denominación de orixe.
O leite non debe conter costros, nin conservantes e prohíbese todo tipo de estandarización ou manipulación que cambie a súa composición inicial.
Características do produto
+
Forma intermedia entre buxaina e bala, a parte superior rematada en pico.
Codia afumada con madeira de bidueiro, dura e inelástica, de 1 a 3 mm. de grosor, de cor amarelo-ocre e algo graxenta.
Pasta de textura fina, graxa, semidura, semielástica e densa, de cor entre branca e amarela, suave ao corte, con aroma e sabor característicos.
Non debe ter moitos ollos e, de habelos, serán de forma redondeada ou irregular, de tamaño variable pero inferior a medio chícharo.
Comercialízase con dous formatos, o formato grande, cunha maduración mínima de 45 días e un peso de entre 0,8 e 1,5 Kg e o formato pequeno ou “bufón”, cunha maduración mínima de 30 días e un peso de entre 0,4 e 0,8 Kg.