A Xunta prosegue coa entrega dos premios das Catas de Galicia 2020 ás denominacións de orixe vitivinícolas

Compartir

Medio Rural continúa cos seus desprazamentos ás sedes dos consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas, para poder entregar de xeito individualizado os premios correspondentes coas Catas de Galicia 2020. O día 19, na Cidade da Cultura, entregaranse as distincións das augardentes e licores tradicionais, canda os galardóns aos mellores viños tinto e branco.

Nesta edición das Catas de Galicia, a Xunta tomaba a determinación de desprazarse ás sedes dos cinco consellos reguladores das denominacións de orixe vitivinícolas, para así entregar de forma segura e individualizada os correspondentes galardóns. A repartición de Acios e de Potes realizaríase deste xeito, para así poder cumprir de xeito estrito coas medidas sanitarias e as limitacións de aforo impostas por mor da covid-19.

Representantes da Consellería do Medio Rural emprendían a súa primeira viaxe o pasado xoves, 12 de novembro, cando acudiron ás sedes da DO Monterrei e da DO Ribeiro. Hoxe venres, 13 de novembro, será a quenda da DO Valdeorras ás 12.00 h., e da DO Ribeira Sacra ás 17.00h. Mentres que os Acios da DO Rías Baixas serán entregados o luns, 16 de novembro, na súa sede de Pontevedra.

Haberá que agardar ata o xoves 19 de novembro, para coñecer a identidade do mellor viño branco e do mellor tinto de Galicia deste 2020, ao tempo que se outorgarán os Potes desta edición ás mellores augardentes e licores tradicionais de Galicia. Este acto terá lugar na Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela, seguindo as mesmas medidas sanitarias e limitacións de aforo, pero poderá seguirse en rigoroso directo en streaming.

Cinco días de Cata

Cómpre destacar que os gañadores de cada categoría foron elixidos tras un proceso de cata a cegas levado a cabo durante cinco días -entre o 26 e 30 de outubro- por unha vintena de expertos, 14 deles encargados de valorar os viños e outros sete encomendados para as augardentes e licores tradicionais.

Así, tras a criba inicial, este panel de profesionais tivo que escoller entre 348 mostras de tintos e brancos pertencentes a 143 adegas e entre outras 25 de augardente, licor de herbas ou licor café correspondentes a oito empresas galegas.

Con estas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar, premiar e promover os viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas. Loitando así por dar visibilidade en tempos difíciles a todos estes produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade máis que recoñecible dentro e fora de Galicia grazas ao saber facer secular dos nosos bodegueiros e augardenteiros.