A Xunta presenta a IXP Pan Galego, que xa distribúe os seus produtos con indicativo de calidade en 44 establecementos de toda Galicia

Compartir

A Xunta presentou oficialmente a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego e destacou que xa existe un total de 44 establecementos pertencentes a 14 panadarías da comunidade que distribúen os novos produtos baixo este selo de calidade. Así se anunciou no acto oficial de presentación no Muíño de Cuíña (Lalín), que estivo presidido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

No acto, o director sinalou que as panadarías que xa distribúen o produto certificado superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Desta forma, venderán as pezas envasadas e identificadas cunha etiqueta numerada na que figura o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa rastrexabilidade en todo momento.

Promoción e protección

Na xornada, José Luis Cabarcos apuntou que na actualidade se seguen a tramitar máis solicitudes de inscrición no rexistro da IXP, polo que en breve aumentará o número de puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

Cabarcos sinalou que esta certificación abre novas posibilidades, destacando dúas fundamentais: a promoción e a protección contra a fraude.

Mesa redonda co expertos do sector

No acto de presentación, conducido polo xornalista Marcial Mouzo, foron varias as persoas expertas no sector que interviñeron nunha mesa redonda: o propio José Luis Cabarcos Corral xunto coa presidenta do Consello Regulador da IXP Pan Galego, Lupe Gómez Franco; Miguel Calvo Bello, da Asociación de Productores de Cereal Galegos (Procegal); Luís Urquijo Zamora, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM); e Ángeles Romero, da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Os participantes coincidiron en destacar as vantaxes desta nova IXP, entre as que se inclúen, ademais das xa sinaladas, a fixación de poboación no rural galego e a recuperación da produción de cereais autóctonos, especialmente as variedades de trigo callobre e caveiro, que son as que emprega esta indicación (cun mínimo do 25%).

Características da IXP Pan Galego

A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea. No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada -así mesmo- formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.

O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.

O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.

Inscrición na IXP

José Luis Cabarcos aproveitou o encontro para lembrar que os primeiros pasos fundamentais para realizar o rexistro na IXP Pan Galego son contactar coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria e solicitar a inscrición no rexistro. Tamén recordou que as empresas interesadas teñen á súa disposición unha liña de axudas para os primeiros cinco anos e que, desta forma, poidan aproveitarse das vantaxes de pertencer a este selo sen apenas custo económico. A renovación é anual e non hai permanencia.

Localización das panadarías

Cabe engadir que as 14 panadarías inscritas ata o momento están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, dúas localízanse en Vigo e outras dúas nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea. Os interesados en coñecer os puntos de venda poderán consultalos no seguinte enlace.