A Xunta pon en valor a excelencia dos produtos galegos que se verá reforzada coa nova Lei da calidade alimentaria de Galicia

Compartir

A Consellería do Medio Rural ten un posto con dúas illas que alberga un total de 29 empresas agrarias, das cales 14 son do sector alimentario en xeral e 15 do sector vinícola e de bebidas espirituosas.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu esta mañá á inauguración da XXXV edición da feira Gourmets, que se celebrará ata o vindeiro 28 de abril en Madrid. Alí, apoiou coa súa presenza ás 47 empresas e entidades galegas, que participan baixo o paraugas da Xunta, e que aproveitan este certame de recoñecido prestixio internacional para promocionar os seus produtos e abrir novos mercados. Tamén asistiu a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, á primeira xornada desta feira.

 
O director da Axencia puxo en valor a excelencia dos produtos galegos e, engadiu que, para salvagardar esa calidade e prestixio, o Goberno galego iniciou a tramitación do anteproxecto da Lei da calidade alimentaria de Galicia. Así, sinalou que o obxectivo fundamental desta nova lei é que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. Ademais, engadiu, tamén se busca recoñecer que todos estes produtos pasaron rigorosos controis de calidade e que estiveron sometidos a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

 
Precisamente, esa calidade -subliñou Cabarcos- que teñen os alimentos galegos é o resultado do traballo e esforzo que realizan os produtores de Galicia, de aí que a Xunta quixera divulgar ese bo facer da xente do mar e do agro mediante a campaña Galicia Etiqueta Calidade, na que o Executivo galego investiu máis de 700.000 euros. Unha promoción, engadiu o director, á que se unirá unha nova campaña de divulgación a nivel nacional da Ternera Gallega Suprema, na que a Xunta e esta indicación xeográfica protexida investirán en conxunto 1,4 millóns de euros para apoiar un dos sectores máis afectados pola suba dos custos de produción e pola venda a perdas.

 
Nesta liña, José Luis Cabarcos tamén destacou a creación da sección Galicia Calidade Alimentaria, dentro de Galicia Calidade, que englobará produtos agroalimentarios con excelencia recoñecida e afondará tamén na súa promoción. Así, este novo distintivo -subliñou- agrupará os produtos con denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, marcas de garantía como Galega 100%, as producións das razas autóctonas e o selo pescadeRías.

 
Por último, o director puxo en valor as numerosas medidas que está a levar a cabo a Xunta para garantir o futuro dos produtores galegos, tales como a Estratexia do lácteo e do viño xa en marcha e a da carne na que se está a traballar; unha Lei de recuperación da terra agraria con figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta; ou un Plan forestal de Galicia ata 2040, que aspira a mobilizar 4.900 M€ entre fondos públicos e privados.

 
Empresas alimentarias galegas
O posto que leva a Consellería do Medio Rural está composto por dúas illas que ocupan unha superficie total de 414 metros cadrados, onde se albergan un total de 29 empresas do sector agrario. Nunha desas illas están 14 coexpositores do sector alimentario en xeral e, na outra illa, están 15 adegas e coexpositores doutras bebidas.

 
Ademais, neste posto tamén hai espazo para unha aula de experiencias de calidade, onde se levarán a cabo estes días diversos obradoiros de cociña en directo, catas e degustacións de produtos galegos con selo de calidade, en colaboración co persoal dos consellos reguladores que participan na feira. Tamén se celebrarán un túnel do viño e do queixo, así como unha acción de promoción da indicación xeográfica protexida Vacún de Galicia con nenos de diversos colexios de Madrid.

 
Pola súa parte, a Consellería do Mar está presente na feira cun posto de 490 metros cadrados que alberga a 18 entidades coexpositoras da cadea mar-industria e conta tamén cunha aula na que se realizarán diversas degustacións de produtos do mar amparados co selo pescadeRías e conservas de peixes e mariscos. Ademais, mañá a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitará a feira.

 
Gourmets 2022
O Salón Gourmets é o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, das bebidas e da gastronomía. Esta edición contará con máis de 1.500 empresas expositoras que promocionarán máis de 37.500 produtos e 8.000 compradores estranxeiros de 65 países. Con máis de 800 actividades programadas, agárdase a chegada de máis de 75.000 visitantes a este espazo de 45.000 m².