A Xunta entrega os Acios de Ouro das Catas de Galicia pertencentes á Denominación de Orixe Valdeorras

Compartir

Os premiados resultaron elixidos tras un rigoroso proceso de cata a cegas realizado por catorce expertos, encargados de valorar 48 mostras correspondentes a 18 adegas inscritas a este selo de calidade

Representantes da Consellería do Medio Rural desprazáronse este venres, 13 de novembro, á sede da Denominación de Orixe Valdeorras, no concello de Vilamartín de Valdeorras, para facer entrega dos Acios das Catas de Galicia correspondentes a este selo de calidade.

Os gañadores desta categoría foron elixidos tras un rigoroso proceso de cata a cegas levado a cabo durante cinco días —entre o 26 e o 30 de outubro— por un panel de 14 expertos, encargados de valorar as 348 mostras de viños tintos e brancos pertencentes a 143 adegas. Do total, foron 48 as mostras procedentes de 18 adegas as correspondentes coa DO Valdeorras.

De entre tódolos participantes, O Luar do Sil, de Pago de los Capellanes, fíxose co Acio de Ouro ao mellor viño branco deste selo de calidade. No caso do mellor viño tinto, a distinción de ouro iría para Alan del Val, da adega Alan.

Esta tarde, a entrega de premios continuará na DO Ribeira Sacra, mentres que o luns será a quenda da DO Rías Baixas. Para rematar, o xoves 19 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago, entregaranse os Potes correspondentes coas mellores augardentes e licores tradicionais de Galicia, e desvelarase a identidade do mellor viño branco e o mellor tinto da nosa comunidade neste ano 2020.

Cómpre destacar que a entrega de Acios estase a realizar de forma individualizada para poder cumprir estritamente coas medidas sanitarias e as limitacións de aforo impostas por mor da covid-19.