A Xunta entrega os Acios das Catas de Galicia pertencentes á Denominación de Orixe Monterrei

Compartir
Os premiados resultaron elixidos tras un rigoroso proceso de cata a cegas realizado por catorce expertos, encargados de valorar 70 mostras pertencentes a 30 adegas inscritas a este selo de calidade

Representantes da Consellería do Medio Rural desprazáronse este xoves, 12 de novembro, á sede da Denominación de Orixe Monterrei, sita en Verín, para facer entrega dos Acios das Catas de Galicia correspondentes a este selo de calidade.

Os gañadores desta categoría foron elixidos tras un rigoroso proceso de cata a cegas levado a cabo durante cinco días —entre o 26 e o 30 de outubro— por un panel de 14 expertos, encargados de valorar as 348 mostras de viños tintos e brancos pertencentes a 143 adegas.

Do total, foron 70 as mostras procedentes de 30 adegas das DO Monterrei, as que competiron por levar os cobizados Acios. Finalmente, Pepa Porter, da adega Terrae Monterrei, fíxose co Acio de Ouro ao mellor viño branco pertencente a este selo de calidade.

Tamén resultaron premiados Vía Arxéntea. Godello e Treixadura 2018, de Manuel Guerra Justo, co Acio de Ouro na categoría ‘Elaboracións con madeira’ viños brancos; e Quinta das Tapias 10, de Adega Tapias Mariñán, co Acio de Bronce na categoría ‘Elaboracións con madeira’ viños tintos.

Nos vindeiros días daranse a coñecer os galardoados da Denominación de Orixe Ribeiro —xoves 12 de novembro—, DO Valdeorras e DO Ribeira Sacra —venres 13 de novembro—, e DO Rías Baixas —luns 16 de novembro—.

Para rematar, o xoves 19 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago, entregaranse os Potes correspondentes coas mellores augardentes e licores tradicionais de Galicia, e desvelarase a identidade do mellor viño branco e o mellor tinto da nosa comunidade neste ano 2020. Cómpre destacar que a entrega de Acios estase a realizar de forma individualizada para poder cumprir estritamente coas medidas sanitarias e as limitacións de aforo impostas por mor da covid-19.