Rematan as fases de precata e cata final para identificar os mellores queixos e meles de Galicia deste 2021

Compartir

Entre os días 1 e 3 de decembro, dous paneis compostos por sete expertos foron os encargados de avaliar sensorialmente, e totalmente a cegas, as 43 mostras de mel e as 51 mostras de queixo presentadas á XX Cata dos Meles e á  XXIV Cata dos Queixos de Galicia

Co fin de recoñecer e premiar a excelencia do noso agro, a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e en colaboración cos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexidas de queixos galegos e da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia, convoca anualmente as Catas dos Queixos e Meles de Galicia. A través destas distincións procúrase valorizar o gran traballo, esforzo e bo facer dos produtores e elaboradores galegos á hora de ofrecer produtos con certificación de orixe de gran personalidade e calidade.

 

Pasado o proceso de inscrición e tras unha exhaustiva recollida de mostras para garantir o absoluto anonimato dos queixos e meles participantes, Medio Rural iniciaba o día 1 de decembro a fase de precata e cata final correspondente coa XX Cata dos Meles, para proseguir o xoves 2 e o venres 3 de decembro co mesmo proceso na XXIV Cata dos Queixos. Nelas contaron coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, así como do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos Corral, quen incidiron no alto nivel das mostras participantes, así como na “extraordinaria calidade” dos queixos e meles galegos con certificación de orixe. Un recoñecemento que estenderon a todas as producións agroalimentarias galegas que contan con selos de calidade diferenciada.

Medidas de seguridade sanitaria

Ambas citas desenvolvéronse no Hotel Quinta da Auga de Santiago de Compostela, baixo o estrito cumprimento das medidas sanitarias. Deste xeito, antes de entrar na sala de catas tomouse a temperatura de cada un dos catadores, había dispensadores de xel hidroalcólico para o correcto desinfectado de mans e o acceso á sala realizábase con máscara. No interior dispuxeron de cabinas individualizadas e personalizadas co seu nome que en ningún caso se puideron intercambiar. Estableceuse un rigoroso mantemento da distancia de seguridade así como o uso constante de máscara, salvo no momento de catar as mostras. Asemade, nos descansos procedíase á ventilación da sala.

Catas a cegas

A XX Cata dos Meles estivo protagonizada por un panel composto por sete expertos versados no sector, encargados de avaliar de forma rigorosa as 43 mostras de mel presentadas por parte de 25 industrias. Concretamente, os integrantes deste cadro de profesionais foron: Beatriz Ríos Cebreiros, Manuel Ángel Garea Rodríguez, Paula Casaleiro Barros, Elena Quian Casal, Javier García de la Fuente, Maruxa Alfonso Laya e María Varela Mosquera. Eles serían os encargados de determinar os mellores meles en cada unha das tres categorías: meles monoflorais, meles multiflorais e mel de bosque.

No caso da XXIV Cata dos Queixos, tamén foron sete profesionais experimentados os compoñentes do panel de cata para a valoración das mostras da DOP Arzúa-Ulloa e Arzúa Ulloa Curado, DOP Queixo Tetilla, DOP San Simón da Costa, DOP Cebreiro e Cebreiro Curado. En total contaron con 51 mostras procedentes de 30 industrias queixeiras acollidas a estes selos de calidade. O seu panel de cata estivo formado por: Salomé Beiroa Fernández, Carlos Veiga Pérez, Mariela Barca Villarta, Sonia Otero Padín, Vicente Quintas González, Víctor Manuel Nieto Flores e Fátima Pego Vilas.

Para a selección de ambos paneis, Medio Rural tivo en conta criterios como a súa experiencia en catas, formación, vinculación coa restauración, hostalería ou a distribución alimentaria, xornalistas especializados no sector primario ou versados en gastronomía, así como os seus coñecementos acerca destes dous produtos senlleiros.