Os 36 produtos alimentarios galegos acollidos aos indicativos de calidade estarán presentes no Festival da Luz

Compartir

Baixo o lema ‘Alimentos de Galicia con certificado de orixe. Enchen de luz a túa mesa e o noso rural’, a Consellería de Medio Rural dona ao Festival de la Luz 200 menús compostos por produtos con certificado de orixe galega, cuxa recadación trala venta por parte da organización irá integramente destinada a fins solidarios. As 36 Experiencias Galegas de Calidade compartirán escenario cos artistas convidados nunha aposta pola importancia do agro galego, a vida no rural e o seu desenvolvemento.

A próxima edición do Festival da Luz de Boimorto, cun formato reducido por motivos de seguridade, a base de ‘leiras’ previamente reservadas, e un aforo total de 500 persoas, contará un ano máis coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. O evento, con carácter solidario e impulsado pola artista Luz Casal, destinará os seus fondos á Cruz Vermella Española. Ademais, contribuíndo ao obxectivo de harmonizar coa natureza, a tradición e a cultura galegas, a gastronomía e os produtos propios con marchamo de calidade ocupan un lugar moi relevante no, polo que resulta vital impulsar o seu coñecemento e consumo por parte de tódolos públicos.

Baixo o título ‘Alimentos con Certificado de Orixe. Enchen de luz a túa mesa e o noso rural’ o Festival da Luz a través das súas redes sociais organiza dous sorteos nos que se poden gañar, dunha parte, unha cesta de produtos; e doutra, unha leira e un menú-picnic para dúas persoas elaborado con alimentos con certificado de orixe. Nesta edición do festival as 36 Experiencias Galegas de Calidade marcarán o ritmo da xornada xunto con Eladio y los Seres Queridos, Susana Seivane, Boyanka Kostova, Agoraphobia, Terbutalina, Monoulious Dop e LAU a través de diferentes pezas audiovisuais que se proxectarán na pantalla do evento entre as actuacións, e nas que o público poderá coñecer de preto os produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida de Galicia. Tamén se lles dará aos asistentes un pack de benvida formado por unha bolsa eco das 36 Experiencias, unha máscara personalizada, unha libreta e material informativo.

A maiores durante a Edición Leiras do Festival da Luz ofreceranse menús para 200 persoas que Medio Rural regala á organización do festival para a súa venda. A recadación dos menús destinarase integramente a fins solidarios. O chamado Menú da Luz está elaborado a base de produtos galegos con DOP, IXP e produción ecolóxica, entre os que se atopan os queixos e meles galardoados na última Cata dos Queixos e Meles de Galicia 2019, por exemplo. Aqueles que se animen a mercala comerán: Pan de Cea; Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa; boliñas de Cebreiro con marron glácé e envoltura de pistacho; Mel de Galicia; dátiles con Cebreiro e xamón serrano de produción ecolóxica; empanada de fariña de Castaña de Galicia, Grelos de Galicia e Lacón Gallego; xamón serrano de produción ecolóxica, chourizo e salchichón; chopo de melón con crocante de xamón serrano de produción ecolóxica; e Galletas Mariñeiras de produción ecolóxica. A parte doce do menú comporana a Tarta de Santiago; a tella de Orujo de Galicia; tarta de cabaciña de agricultura ecolóxica con Mel de Galicia; arandos, uvas, amorodos e froitas de tempada de agricultura ecolóxica; iogurt ecolóxico con crema de Castaña de Galicia; froitos secos; e chocolate. Cada caixa irá provista dun mantel onde se especifican tódalas características dos produtos que compoñen as 36 Experiencias Galegas de Calidade.

CONVITE158.35 KB