O Pan Galego etiquetado coa súa IXP comeza a súa andaina

Compartir

O Pazo de Quián acolleu o mércores 7 de outubro a presentación oficial da indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego, na que participaron o conselleiro de Medio Rural, José González e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos. No acto celebrouse tamén unha mesa redonda con representantes dos tres sectores imprescindibles para o desenvolvemento desta actividade económica: o da produción de trigo país, o da produción de fariña -muíños-, e o da produción de pan -panadarías-.

Hai unhas semanas comezou o proceso de rexistro para os operadores que interveñen no proceso de elaboración do Pan Galego o que fará que a curto prazo as persoas consumidoras poderán atopar no mercado pan identificado como Pan Galego en envases individuais que inclúen o seu logotipo.



Tanto o conselleiro de Medio Rural, José González, como o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, puxeron de relevo na xornada de presentación da nova IXP o esforzo e o traballo feito durante anos desde a Xunta, desde a Agacal e por suposto desde a Federación Galega de Asociacións de Fabricantes de Pan, Fegapan, para que o recoñecemento do Pan Galego sexa hoxe unha realidade dentro e fóra de Galicia.

Na primeira parte da xornada Ricardo Rivas, xefe da Área de Calidade Alimentaria da Agacal e 
Xoán Miguel Concheiro, xefe do Departamento de Protección da Calidade Diferenciada, foron os responsables de explicar polo miúdo os diferentes aspectos que contempla a norma que regula a produción e a comercialización do Pan Galego e os requisitos e os pasos que teñen que dar os operadores interesados para inscribirse.

Na última parte do acto os protagonistas foron os sectores implicados na produción e elaboración do pan, representados por Guadalupe Gómez, Presidenta Consello Regulador IXP Pan Galego; César Manuel Fieiras, Presidente de Fegapan; Miguel Calvo, Presidente de Procegal; Fernando Almeida, do Grupo Dacunha e da Asociación Triaga e Luis Urquijo, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

 

Todos eles amosaron a súa confianza en que esta IXP suporá a posta en valor dun dos produtos estrela da gastronomía da nosa comunidade e que progresivamente fará aumentar a produción de trigo autóctono. Esperan tamén que sexan moitos os muíños que vendan fariña para facer Pan Galego e que así mesmo sexan numerosas as panadarías que elaboren e poñan á disposición das persoas consumidoras Pan Galego, posto que consideran que é unha demanda da sociedade.

A importancia da indicación xeográfica protexida Pan Galego

Durante a presentación oficial desta IXP, desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria sinalouse que a súa existencia axudará a compartir unha marca común entre pequenos produtores que dará viabilidade a producións que, por ser máis limitadas ou despacharse en panadarías tradicionais, moitas delas no rural, teñen máis difícil o acceso ao mercado.



Os atributos do Pan Galego derivan do cumprimento dun prego de condicións, que será controlado pola Agacal e supón unha garantía da súa autenticidade para as persoas consumidoras. A IXP Pan Galego vai servir para garantir unha forma de facer, uns ingredientes, a autenticidade do pan e para establecer un sistema de control que proporcione confianza ás persoas consumidoras.



Serán os propios operadores implicados na elaboración do pan os responsables en primeira instancia do control do cumprimento dos requisitos, e desde a Agacal espérase que este autocontrol cotiá e as novas dinámicas de xestión que supón a adhesión a esta IXP acheguen vantaxes de organización e de xestión para a propia empresa. Ademais, a Agacal fará auditorías para comprobar que o réxime de autocontrol funciona axeitadamente.


Desde a Agacal tamén se espera que a partir de agora sexan moitas as pequenas panadarías distribuídas por todo o territorio as que soliciten acollerse á IXP Pan Galego e que ademais sirva para incentivar o cultivo de trigo autóctono, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores e fronte ao abandono do rural -coa recuperación de terreos de labranza e leiras que están sen cultivar-, o que ademais pode axudar na loita contra os incendios forestais. 


Entre outubro e novembro a Agacal organizará catro xornadas técnicas informativas provinciais para seguir difundindo entre os operadores as características da IXP Pan Galego e resolver dúbidas. A primeira delas será o xoves 29 de outubro, en Lugo, a segunda o mércores 4 de novembro na Coruña; continuarán o venres 6 en Ourense e finalizarán o martes 10 en Pontevedra. 


O prego de condicións recolle todas as características necesarias para poder acollerse á IXP Pan Galego. Nos ficheiros que acompañan esta nova podes descargar un folleto-resumo destas e unha guía básica máis ampliada.