Medio Rural continúa a fase de recollida de mostras para a Cata dos Queixos e Meles de Galicia 2021

Compartir

Dende o día 23 de novembro e ata o vindeiro xoves, 2 de decembro, o persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración cos técnicos dos consellos reguladores, recollerán 94 mostras de 55 marcas para a fase de cata e a cata final

O pasado 22 de outubro, a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, abría o prazo de inscrición para participar na Cata dos Queixos e Meles de Galicia 2021, correspondente coa XXIV Cata dos Queixos e a XX Cata dos Meles. Un certame que ten por obxecto identificar e premiar a excelente calidade dos queixos e meles con certificación de orixe galega.

Finalizado o tempo de inscrición, Medio Rural iniciou na pasada semana a recollida de mostras para a celebración da cata oficial, un traballo que finalizará o vindeiro xoves día 2 de decembro. Este ano rexistráronse un total de 30 industrias queixeiras pertencentes ás catro denominacións de orixe galegas —DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro—, e 25 industrias de mel acollidas á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Con respecto ao número de mostras, a distribución foi a seguinte:

  • DOP Arzúa-Ulloa e Arzúa-Ulloa Curado: 22 mostras entre ambos
  • DOP Queixo Tetilla: 20 mostras
  • DOP San Simón da Costa: 6 mostras
  • DOP Cebreiro fresco e curado: 3 mostras entre ambos
  • IXP Mel de Galicia · Mel Multifloral: 16 mostras
  • IXP Mel de Galicia · Mel Monofloral: 22 mostras
  • IXP Mel de Galicia · Mel de Bosque: 5 mostras
     

Este traballo realizado polo persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en colaboración cos consellos reguladores, desenvólvese con todas as garantías de seriedade e rigor, avalando en todo momento o anonimato das marcas participantes. De feito, non é a industria quen facilita á organización a mostra a concursar mediante o seu envío, senón a propia comisión de recollida quen realiza a identificación e recolla dos queixos e meles dos lotes inscritos, certificando que compren cos requisitos establecidos nas bases.

De tal forma, os queixos e meles participantes identifícanse cun número de mostra asignado pola comisión de recollida, que posteriormente se mudará por outro antes de proceder á cata, garantindo así de maneira fidedigna o anonimato das mostras en todo momento. As caixas que conteñen os queixos e os meles non portan ningunha marca que permita ser identificada, e permanecerán precintadas e custodiadas ata o momento da cata.

Dous rigorosos paneis de cata integrados por 14 expertos

Tras a recollida, as mostras trasladaranse ao Hotel Quinta da Auga de Santiago de Compostela, no que se celebrará a fase de cata e a cata final nos días 1, 2 e 3 de decembro baixo o rigoroso mantemento das medidas de prevención sanitaria. Dous paneis de cata composto por 7 profesionais versados no sector serán os encargados de avaliar, totalmente a cegas, as mostras presentadas.

Con estas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar, premiar e promover dous dos produtos máis senlleiros do agro galego: o queixo e o mel. Loitando así por visibilizar a todos estes produtos dotados dun carácter propio e personalidade recoñecible dentro e fóra de Galicia, grazas ao esforzo e bo facer de produtores e envasadores.