Galicia elixe os mellores queixos e meles con certificación de orixe do 2021

Compartir

Organizadas pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, coa colaboración dos consellos reguladores da IXP Mel de Galicia, DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa, DOP San Simón da Costa e DOP Cebreiro; a XX Cata dos Meles e a XXIV Cata dos Queixos daba a coñecer aos seus gañadores o pasado 17 de decembro.

O venres 17 de decembro, no recinto cabalar do Pazo de Quián, procedíase á entrega de distincións correspondente coa XX Cata dos Meles e a XXIV Cata dos Queixos de Galicia. Esta cita desenvolvíase dentro do marco da I Mostra da Calidade Alimentaria, unha iniciativa que parte da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para contribuír á profesionalización da industria alimentaria e dar a coñecer os seus produtos en todo o mundo.

Tanto a Cata dos Meles como a Cata dos Queixos están organizadas pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Así mesmo, contan coa colaboración do consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia, e dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexida de queixos galegos: Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla, San Simón da Costa e Cebreiro. Un certame que culmina coa gala de entrega de distincións aos mellores meles e queixos en cada unha das categorías.

O acto de entrega estivo presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e contou coa presenza do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos Corral. Así transcorreu:

Cómpre recordar que os galardoados en cada unha das categorías foron elixidos mediante un rigoroso sistema de cata a cegas que se desenvolveu entre os días 1 e 3 de decembro no Hotel Quinta da Auga de Santiago de Compostela. Unha importante cita na que dous paneis integrados por 7 expertos cada un foron os encargados de avaliar sensorialmente as mostras presentadas. No caso da Cata dos Meles, nesta vixésima edición presentáronse 43 mostras pertencentes a 25 industrias envasadoras. No que respecta á Cata dos Queixos foron 51 as mostras presentadas por parte de 30 queixerías amparadas polas catro denominacións de orixe protexidas galegas.

Podes consultar a relación dos galardoados no documento anexo que acompaña esta nova.