Desvelados os gañadores dos Acios e dos Potes das Catas de Galicia 2020

Compartir

Poñer en valor os viños, augardentes e licores tradicionais elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, así coma resaltar o saber facer dos adegueiros e augardenteiros galegos, é obxectivo polo que tódolos anos a Consellería do Medio Rural pon en marcha as Catas de Galicia 2020, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria —Agacal—.

Un certame que culmina coa gala de entrega dos Acios e dos Potes aos mellores viños, licores e augardentes de cada edición, pero que este ano o fixo dunha forma atípica, adaptada e personalizada.

Por motivos de seguridade e para garantir estritamente as medidas sanitarias, en lugar de realizarse un evento multitudinario, na gala das Catas de Galicia 2020 unicamente se fixeron entrega dos Acios de Ouro ao Mellor Viño Branco e ao Mellor Viño Tinto de Galicia, así coma os Potes que distinguen aos mellores Augardentes, Licor Café e Licor de Herbas da nosa comunidade, nun evento de aforo reducido emitido por primeira vez en streaming.

O acto estivo presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e contou coa presenza do director da Agacal, José Luis Cabarcos. Así se desenvolveu a entrega:

Os acios outorgados aos mellores viños das cinco denominacións de orixe vitivinícolas, xa se repartiran entre os días 12 e 16 de novembro, cando representantes da Consellería do Medio Rural se desprazaron á sedes dos respectivos consellos reguladores para facer entrega in situ dos mesmos.

Cabe recordar que os gañadores de cada categoría foron elixidos tras un proceso de cata a cegas levado a cabo durante cinco días -entre o 26 e 30 de outubro- por unha vintena de expertos, encargados de avaliar sensorialmente as 348 mostras de tintos e brancos pertencentes a 143 adegas, e 25 mostras de augardente, licor de herbas e licor café correspondentes a oito empresas galegas.

Podes consultar a relación dos galardoados no documento que acompaña esta nova.