Comeza a campaña "Come local" para promover as experiencias de calidade na Mariña Lucense

Compartir

A campaña “Come local” promoveu os produtos con indicativo de calidade e ecolóxicos cun “Xantar de Vagar en Terras da Mariña” para persoas expertas en gastronomía da Mariña de Lugo e bloggers. Trátase dunha iniciativa da Agacal que continuará ao longo do segundo semestre en escolas de hostelería e comedores escolares.

O sábado 5 de setembro tivo lugar o primeiro evento da campaña “Come local” desenvolvida pola Agacal, e que continuará durante o segundo semestre do 2020 con diferentes accións ao longo do territorio galego. A finalidade é poñer en valor o produto galego con certificado de calidade.

Vinte persoas expertas gastronómicas participaron no “Xantar de Vagar en Terras da Mariña” saboreando produtos das I.X.P. Fabas de Lourenzá, Ribeiras do Morrazo, D.O.P. O Cebreiro e certificados en ecolóxico (torresmos de porco celta e cordeiro, infusións, café e leite). Tamén se serviron licores do Consello Regulador da I. X. Licores e Augardentes Tradicionais de Galicia.

Os xantares que se celebrarán en Compostela o próximo 2 de outubro, O Salnés (24 de outubro) e o Mosteiro de Oseira (21 de novembro) acollerán presentacións do resto dos Consellos Reguladores galegos. Estes eventos complementarán o resto de accións para a campaña, nas que se inclúen actividades formativas no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), accións promocionais en comedores escolares e promoción en redes sociais sobre o impacto que ten o consumo de produto certificado na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU.