Cen profesionais valorarán o queixo San Simón da Costa con máis de 52 semanas de curación

Compartir

Con esta singular cata a cargo de mestras e mestres queixeiros, xornalistas gastronómicos e responsables de grandes distribuidoras de alimentación e de espazos gourmet, e a iniciativa da Consellería de Medio Rural, quérense avaliar as características organolépticas, a viabilidade e as posibilidades no mercado do San Simón dá Costa máis intenso. Unha peza ata de agora non comercializada, que é froito do respecto á tradición e do mimo artesanal resultado de conxugar o leite de vaca das razas Rubia Galega, Pardo-Alpino e Frisona, o afumado en madeira de bidueiro e un laborioso proceso de elaboración e maduración que durou máis dun ano.

Avaliar as características organolépticas, a viabilidade do queixo San Simón da Costa curado —por primeira vez durante máis de 52 semanas— no mercado e as súas posibilidades a nivel gastronómico é o obxectivo desta iniciativa. Trátase dunha edición limitada de 100 pezas elaboradas con leite puro de vaca das razas Rubia Galega, Pardo-Alpina e Frisona da provincia de Lugo; afumadas en madeira de bidueiro —o que imprime a estes queixos o seu particular aroma e sabor—; e, como novidade, sometidas a máis de 52 semanas de maduración. Un queixo moi especial, froito dun coidadoso e laborioso proceso, que catarán unhas cen persoas, todas elas profesionais recoñecidas a nivel nacional e internacional polo seu peso no sector gastronómico e no ámbito da alimentación.

Con esta iniciativa a Consellería de Medio Rural quere obter unha valoración xeral, de cuxo resultado dependerá a posible proxección deste San Simón da Costa que brilla pola súa intensidade, promovendo á súa vez o coñecemento desta Denominación de Orixe Protexida galega fóra das nosas fronteiras. Para logralo, esta semana enviarase a cada profesional unha destas selectas pezas, a fin de que poida catala, avaliala e facer chegar á Consellería as súas impresións.

Catadoras e catadores

As súas creacións fan as delicias dos padais máis selectos, os seus restaurantes son un punto de referencia no mapa gastronómico e os seus nomes atópanse dentro do Olimpo da alta gastronomía. Son os e as chefs Martín Berasategui, Juan Mari Arzak, Dabiz Muñoz, Carme Ruscalleda, Quique Dacosta, Paco Roncero, Pepe Rodríguez —condutor do programa MasterChef—, Pepe Solla, Javier Olleros, Paolo Casagrande, Inés Abril, Yayo Daporta, a Chef Revelación Camila Ferraro ou os televisivos Hermanos Torres.
A maiores, destacan no grupo nomes como o de María Ritter, directora da popular Guía Repsol; Enric Canut, coñecido como o maior experto queixeiro do noso país e os representantes das grandes distribuidoras Gadisa, Vegalsa, Alcampo, Carrefour e Distribucións Froiz.

Tampouco queda atrás a prensa gastronómica, con membros das cabeceiras máis destacadas con tirada nacional e de medios especializados como son a revista Origen, 7 Caníbales, Conde Nast Traveler, Revista Metropoli e Tapas Magazine; ademais dos dixitais Directo al Paladar e Gatronomía y Cía. Para obter unha valoración completa na que todos os puntos de vista e sectores se vexan reflectidos, tamén se suman representantes de asociacións como a Ruta Europea do Queixo; tendas gourmet especializadas tal que QAVA by Martín Afinador; escolas de hostalaría e membros do Panel de Cata das DOP galegas.