Así foi a XXIII Cata dos Queixos de Galicia e a XIX Cata dos Meles de Galicia

Compartir

Organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Consellería do Medio Rural, coa colaboración dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexidas de queixos existentes en Galicia —Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro— e o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia; a Cata oficial dos Queixos celebrábase entre os días 10 e 11 de decembro en Santiago de Compostela, seguida da Cata oficial dos Meles de Galicia, datada no día 14 de decembro na mesma ubicación. Tanto a XXIII Cata dos Queixos coma a XIX Cata dos Meles, baseáronse nun sistema de precata ou cata de selección e nunha cata final.

Nas bases  especificábanse as categorías nas que puideron participar e os requisitos que deberon cumprir os produtores e envasadores interesados en inscribirse nesta cata-concurso. En concreto, no caso dos queixos, habían de estar elaborados polas industrias adscritas a cada unha das catro denominacións de orixe protexidas existentes en Galicia. Así tamén, os debían ser de elaboración propia do participante, ter un número de existencias mínimas en queixería e contar cun período de maduración determinado nas bases de cata. Ademais, cada queixería non podería presentar máis dunha marca por categoría e subcategoría, debendo esta atoparse en comercialización e amparada polo consello regulador da denominación de orixe correspondente.

Ao igual que en anteriores edicións, os produtores puideron participar nas seguintes categorías na Cata dos Queixos:

  • Denominación de orixe protexida Queixo Tetilla.
  • Denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa: coas subcategorías Arzúa-Ulloa e Arzúa-Ulloa Curado.
  • Denominación de orixe protexida San Simón da Costa.
  • Denominación de orixe protexida Cebreiro: coas subcategorías Cebreiro e Cebreiro Curado.

No que concirne á Cata dos Meles, puideron participar os meles envasados polas industrias inscritas no rexistro da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Ademais, o mel presentado na cata-concurso debía ser da colleita do ano 2020 e estar previamente cualificado polo consello regulador.
Do mesmo xeito, establecéronse dúas categorías de participación:

  • Categoría A - Meles Monoflorais: esta categoría inclúe calquera dos meles monoflorais —eucalipto, castiñeiro, silva e breixo— incluídos no regulamento da IXP Mel de Galicia que cumpran as características propias destes meles.
  • Categoría B - Meles Multiflorais: inclúense os meles non considerados na categoría anterior, por non reunir os requisitos da mesma.

As industrias envasadoras de mel que desexasen participar nesta cata, só poderían presentar unha mostra por categoría.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, persoal da AGACAL, xunto cun representante de cada Consello Regulador de queixos e de mel procederon á identificación e recollida das mostras participantes, acudindo a cada industria produtora e envasadora de acordo cun programa establecido previamente.

Para compoñer a mostra de queixos, elíxense ao chou dez queixos dun peso aproximado de 1 kg e sempre do mesmo lote. No caso da DOP Cebreiro o peso será duns 500g. Escolleranse entre os lotes existentes nas cámaras de maduración que cumpran cos períodos establecidos nas bases. Unha destas mostra utilizarase para as análises físico-químicas e microbiolóxicas, outra será empregada para a valoración sensorial que se realizará durante a cata-concurso e outra reservarase como mostra de seguridade.

Destes dez queixos, elixiranse finalmente catro para a súa participación na cata. Para asegurar o anonimato da marca concursante é requisito imprescindible que as mostras dos queixos participantes non leven a súa etiqueta nin calquera outro elemento que as poida identificar. Os queixos serán etiquetados e identificados cun número que substituirá, durante o proceso da cata, á etiqueta identificativa habitual do produto, e que quedará rexistrado xunto coa marca comercial e o número de lote na acta de recollida correspondente.

Na identificación e recollida de mostras participantes na Cata dos Meles, o representante da industria deberá sinalar na acta en que categoría desexa participar e concretar o tipo de mel monofloral se ese é o caso. A mostra constará de 4 envases de mel de 500 g, de idénticas características, elixidos ao chou de entre o lote que se presente á cata. Un dos envases quedará na industria como testemuñas e os estantes empregaranse na realización da cata-concurso. Para asegurar o anonimato da marca participante na cata, e dada a gran diversidade dos envases empregados na expedición comercial dos meles, as mostras recolleranse en envases de cristal transparente carentes de calquera elemento que puidera levar á súa identificación. Os envases serán etiquetados e numerados cun díxito que substituirá á etiqueta identificadora habitual do produto.
Os días 3 e 4 de decembro recolléronse as mostras de mel por toda Galicia. Nesta ocasión, foron 25 as industrias de mel as que inscribiron 17 meles para concursar na categoría A, de meles monoflorais, e 20 para a categoría B, correspondente a meles multiflorais.

No caso das industrias queixeiras, a recollida realizouse os días 7, 9 e 10 de decembro. Nesta vixésimo terceira edición, foron 29 as industrias queixeiras que concursaron, cun número de mostras que se distribúen da seguinte forma: 20 queixos inscritos da DOP Queixo Tetilla; 15 queixos na categoría DOP Arzúa-Ulloa e 5 queixos que compiten como Arzúa-Ulloa curado; 7 pertencentes á DOP San Simón da Costa; e 2 queixerías na categoría de queixo fresco da DOP Cebreiro.

Cata-concurso na Cidade da Cultura
Tras a recollida, as mostras trasladáronse á Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, na que se celebrou a cata-concurso entre os días 10 e 14 de decembro, cumprindo rigorosamente coas medidas sanitarias pertinentes. O xoves, 10 de decembro, arrincaba coa fase de precata da Cata dos Queixos de Galicia, mentres que o venres, 11 de decembro, tería lugar a cata final. O mesmo proceso se repetiría o luns 14 de decembro, momento da quenda da Cata dos Meles de Galicia. Este labor lévase a cabo grazas a dous paneis de cata formados por sete expertos respectivamente, un para os queixos e outro para os meles, encargados de analizar totalmente a cegas e de forma minuciosa as mostras, para pasar a seleccionar as marcas gañadoras.

O panel de cata no caso dos queixos, está formado por: André Arzúa Tizón, Carlos Veiga Pérez, Elena Quián Casal, Johanna Christina Sweers Penalonga, Mariela Barca Villarta, Salomé Beiroa Fernández e Sonia Otero Padín.

Con respecto ao mel, os seus integrantes son: André Arzúa Tizón, Beatriz Ríos Cebreiros, Diego Lamas Fernández, Elena Quián Casal, Javier García de la Fuente, Mirian Rodríguez Comesaña e Paula Casaleiro Barros.

Como resultado das valoracións do panel de cata, foron premiadas unha serie de produtoras e envasadoras dentro de cada unha das categorías. Os premios correspondentes a cada unha delas entregáronse na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o 17 de decembro, cun acto dividido en tres bloques que permitisen reducir o aforo ao máximo para manter así de forma estrita as medidas sanitarias. A gala de entrega da XXIII Cata dos Queixos e XIX Cata dos Meles estivo presidida polo conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez. Por primeira vez, o evento retransmitíase en directo vía streaming para un maior alcance.


No documento que acompaña esta nova pode verse a lista de galardoados.