Aberta a inscrición para a Cata dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2020

Compartir

A data límite para remitir os boletíns de inscrición é o 11 de setembro

Santiago de Compostela acollerá en outubro a tradicional Cata dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2020. Como en edicións anteriores atópanse publicadas as bases da cata e correspondentes boletíns de inscrición na web da consellería (https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/agricultura/cata-vinhos-augardent…)

Nas bases especifícanse as categorías nas que poden participar e os requisitos que deben cumprir. Trátase de pertencer a algunha das cinco denominacións de orixe dos viños galegos ou das indicacións xeográficas protexidas da nosa Comunidade e contar cunhas existencias mínimas de produto amparado. A data límite para remitir os correspondentes boletíns de inscrición é o 11 de setembro.

Igual que na pasada edición pódese participar nas seguintes categorías:

-Denominación de Orixe Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei, diferenciando entre viños brancos e tintos, onde a partida mínima homoxénea e de 5000 litros.

-Viños de colleiteiro e de pequenas adegas, onde as existencias mínimas na adega son de 2500 litros.

-Viños con Indicación Xeográfica protexida ou “viños da terra”, espumosos e ecolóxicos, onde só se require unha existencia mínima na adega de 1250 litros. Por suposto todas as partidas de viño ou destilados terán que estar certificadas polo Consello Regulador ao que pertenzan ou ben pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) segundo proceda.

-Outras categorías son as de viños de variedades senlleiras, colleitas anteriores, elaboración con madeira e tostados. Para estas categorías só e preciso ter unhas existencias mínimas en adega de 500 litros. Con isto pretendese recoñecer aos viños mais elaborados é dar visibilidade as pequenas producións de gran complexidade e calidade que teñen nos últimos tempos gran aceptación.

As adegas que queiran participar nesta cata-concurso poderán facelo cun máximo de dúas marcas en cada categoría, sempre da colleita do ano anterior, é dicir, do 2019 ou ben do 2018 ou anteriores cando estes últimos estivesen en contacto con madeira nalgunha das fases da elaboración que participarían na categoría elaboración con madeira ou ben que se presenten na categoría de colleitas anteriores.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, persoal da AGACAL, xunto cun representante de cada Consello Regulador visitará cada adega participante para a recollida das mostras. Alí, despois das comprobacións pertinentes, escolleranse seis botellas ao chou do lote concursante. Estas botellas son asinadas polo persoal da AGACAL e polo representante da adega, quedando alí unha botella coma testemuña e as outras cinco introdúcense nuns sacos totalmente opacos, que se pechan; despois pasan a unhas caixas de cartón, todas iguais, onde se precinta asinándose sobre o precinto para non poder ser manipulado, e se pon por fora unha única etiqueta: o nome da categoría na que participa esa mostra se é branco ou tinto. Unha vez pechada esta caixa xa é imposible saber a marca de viño concursante ata a última fase do concurso, onde se descobre a botella do viño con maior puntuación.

Na edición do 2019 contouse coa participación de 349 mostras inscritas: 344 de viños de 154 adegas pertencentes ás denominacións de orixe (Valdeorras, 17 adegas; D.O. Ribeiro, 43; D.O. Rías Baixas, 52; D.O Monterrei, 16 e D.O. Ribeira Sacra, 26), 3 adegas de indicación xeográficas protexidas/Viños da Terra e 4 adegas inscritas no CRAEGA. Por outra banda participaron 44 mostras de 39 empresas inscritas no Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Na elección do panel de cata preténdese que estea representado todo o sector do viño (dende a produción á comercialización). Así entre os membros do panel están membros do panel de cata dos diferentes consellos reguladores, así como representantes das asociacións de enólogos e sumilleres, sector distribución, e do mundo da comunicación especializada e dos medios informativos.