Aberta a inscrición, ata o 2 de novembro, para participar nas XXIV Cata dos Queixos de Galicia organizada por Medio Rural

Compartir

Nesta cata poderán participar os queixos elaborados polas industrias inscritas nos rexistros de cada unha das catro denominacións de orixe protexidas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, vén de abrir o prazo de inscrición para participar nas XXIV Cata dos Queixos de Galicia. A inscrición poderá realizarse ata as 14:00 h do 2 de novembro.

Nesta cata poderán participar os queixos elaborados polas industrias inscritas nos rexistros de cada unha das catro denominacións de orixe protexidas existentes na Comunidade Autónoma de Galicia. As queixerías interesadas deberán enviar o boletín de inscrición (descargable ao final desta noticia), debidamente cuberto, ao seu respectivo consello regulador antes da hora e data sinaladas anteriormente.

Os queixos que se presenten a concurso, serán de elaboración propia do participante e deberán ter, no momento da cata, un período de maduración concreto, que se especifica nas bases desta edición, dispoñibles para a súa consulta ao final desta noticia.

Cada queixería non poderá presentar máis dunha marca por categoría e subcategoría, debendo esta atoparse en comercialización e amparada polo consello regulador da denominación de orixe correspondente.

Recollida de mostras

A identificación e recollida das mostras realizarase pola organización coa colaboración dos consellos reguladores, de acordo co programa que previamente se estableza para cada denominación de orixe. Levantarase unha acta de recollida que asinarán un representante da industria e un representante da comisión de recollida. Nas bases sinálase cal é o proceso que se segue na recollida.

Xurado da cata

Para a supervisión da cata nomearase un xurado presidido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, e a secretaría será exercida por un/ha funcionario/a do Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria e, como vogais, un/ha representante de cada un dos consellos reguladores.

A persoa que exerza a secretaría do xurado de cata comprobará as actas de recollida, os precintos das caixas almacenadas e o número de queixos almacenados e procederá a renumeralos de forma correlativa, por categoría e subcategoría coa colaboración dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexidas de queixos existentes en Galicia: Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón da Costa.

Panel da cata

Para a cualificación dos queixos contarase cun mínimo de sete persoas expertas en análise sensorial, que poderán proceder de centros tecnolóxicos e científicos agroalimentarios, consellos reguladores, restauración, distribución e medios de comunicación especializados que estean vinculados cos queixos de calidade.

Tanto o procedemento da cata como as distincións que resultarán dela están explicadas nas bases do concurso, que se poden descargar a continuación.

 

⬇️ Descarga as bases e formulario de inscrición ⬇️