Do 7 ao 11 de xuño 2021
Santiago de Compostela

XXXIII Cata dos Viños de Galicia · XXIII Cata das Augardentes · X Cata dos Licores Tradicionais

Compartir

Organizadas pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), coa colaboración dos consellos reguladores das denominacións de orixe Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra, así como do consello regulador das indicacións xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, celebráronse entre os días 7 e 11 de xuño, en Santiago de Compostela, as Catas de Galicia 2021. Tanto a XXXIII Cata dos Viños, como a XXIII Cata das Augardentes e a X Cata dos Licores Tradicionais se basearon nun rigoroso sistema de precata ou cata de selección e nunha cata final, a través das que se determinarían os viños, augardentes e licores galardoados en cada categoría.

Nas bases adxuntas especifícanse as categorías nas que puideron participar e os requisitos que deberon cumprir as adegas interesadas en inscribirse nesta cata concurso. Por exemplo, no caso dos viños haberían de estar elaborados polas adegas inscritas nos rexistros de cada unha das denominacións de orixe existentes en Galicia, así como os viños elaborados polas adegas produtoras de viños con indicación xeográfica protexida (Val do Miño-Ourense, Betanzos, Barbanza e Iria, e Ribeiras do Morrazo). Con respecto ás augardentes, só poden participar as acollidas ás indicacións xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Ao igual que en anteriores edicións, no caso dos viños as adegas puideron concorrer nas seguintes categorías:

  • Denominación de Orixe Ribeira Sacra viños brancos

  • Denominación de Orixe Ribeira Sacra viños tintos

  • Denominación de Orixe Monterrei viños brancos

  • Denominación de Orixe Monterrei viños tintos

  • Denominación de Orixe Rías Baixas viños brancos

  • Denominación de Orixe Rías Baixas viños tintos

  • Denominación de Orixe Valdeorras viños brancos

  • Denominación de Orixe Valdeorras viños tintos

  • Denominación de Orixe Ribeiro viños brancos

  • Denominación de Orixe Ribeiro viños tintos

  • Viños de Colleiteiro e de pequenas adegas brancos

  • Viños de Colleiteiro de pequenas adegas tintos

  • Viños con Indicación Xeográfica Protexida

  • Viños de “Variedades senlleiras”

  • Viños de Colleitas anteriores brancos

  • Viños de Colleitas anteriores tintos

  • Viños de Elaboracións con madeira brancos

  • Viños de Elaboracións con madeira tintos

  • Viños Espumosos

  • Viños Tostados

  • Viños Ecolóxicos.

Requírese un número mínimo de 10 mostras participantes para que exista recoñecemento co premio correspondente a cada categoría, agás no caso das categorías dos Viños con Indicación Xeográfica Protexida, Viños Ecolóxicos e Viños Tostados, nas que o número mínimo de mostras requirido sería de 5.

Con respecto ás augardentes e licores tradicionais, establécese:

  • Augardente de Galicia

  • Augardente de Galicia Envellecida

  • Augardente de Herbas de Galicia

  • Licor Café de Galicia

Se nalgunha das categorías non se contase cun mínimo de 5 mostras para a cata, esta non terá lugar.

Por vez primeira, nesta edición 2021 estreábanse as categorías ao Mellor Deseño, destinada a valorizar a importancia do deseño e a creatividade como factor esencial para aumentar a presencia e a competitividade dos viños, augardentes e licores tradicionais galegos. Así establecéronse dúas categorías:

  • Mellor Deseño dos viños

  • Mellor Deseño das augardentes e licores tradicionais

As adegas que participaron nesta cata-concurso presentaron un máximo de dúas marcas en cada categoría, sempre da colleita do ano anterior, é dicir, do 2020 ou ben do 2019 ou anteriores cando estes últimos estivesen en contacto con madeira nalgunha das fases da súa elaboración, polo que participarían na categoría elaboración con madeira, ou ben que se presenten na categoría de colleitas anteriores.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, persoal da AGACAL xunto cun representante de cada Consello Regulador visitaron cada adega participante para a recollida das mostras. Alí, tras as comprobacións pertinentes, escolleranse seis botellas ao chou do lote concursante. Estas botellas son asinadas polo persoal da AGACAL e polo representante de cada adega, ficando alí unha botella como testemuña. As outras cinco introdúcense nuns sacos totalmente opacos que se pechan. Despois pasan a unhas caixas de cartón, todas iguais, precintándose e asinándose sobre o propio precinto para asegurar así que non existe ningún tipo de manipulación. Por último, pegarase externamente unha etiqueta onde se determina unicamente o nome da categoría na que participa esa mostra e se é branco ou tinto. O anonimato das mostras é estrito e mantense de forma rigorosa, sendo imposible recoñecer a marca do viño concursante ata rematado o concurso, onde se descobren as botellas que recibiron a maior puntuación.

Para alén disto, no caso das augardentes e licores tradicionais, dada a gran diversidade existente nas botellas empregadas na expedición comercial das augardentes de bagazo e dos licores tradicionais, recolleranse en botellas de 3/8 de litro proporcionadas pola organización, para conservar así o devandito anonimato das mostras.

Nesta edición 2021 presentáronse un total de 413 mostras, 284 de branco e 129 de tinto, procedentes de 169 adegas das Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas galegas. Para a Cata das Augardentes, Licores de Herbas e Licor Café, presentáronse un total de 27 mostras por parte de 11 industrias amparadas polas indicacións xeográficas de augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade.

Todas as mostras presentadas foron avaliadas polo sistema de Cata a Cegas, entre os días 7 e 11 de xuño, no hotel NH Collection de Santiago de Compostela. Un importante encontro a cargo dun panel composto por unha vintena de expertos responsables de analizar sensorialmente os viños, as augardentes e licores tradicionais. O panel de viños estivo formado por 12 catadores na fase de pre-cata e 14 na cata final. Foron: Aarón Álvarez Fernández, Alejandro Rolo Alaye, Antonio Hernández-Rodicio, Carlos Ximénez de Ferrán, Cecilia Fernández Rodríguez, Celestino Pintos Núñez, Fernando Cabero Marqués, Francisco Javier Rodríguez Medela, José Dieste Navazas, María Graña Caneiro, María Isabel Gómez Soriano, María Patricia Presas Prego, Miguel Tienda Baena e Pablo Estévez Meléndez.

Para as augardentes, participaron 9 expertos: Alba García Vázquez, Alejandro Rolo Alaye, Jorge Manuel Domínguez Hervella, José María Martínez Alonso, José Martínez Matos, Juan Carlos Vázquez Abal, Manuel Castro González, Manuela Chouza Carou e Sandra Cortés Diéguez.

Con respecto aos premios ao Mellor Deseño, un comité de avaliación composto por 5 profesionais pertencentes ao ámbito do deseño gráfico e o marketing, vencellados ao Clúster da Comunicación de Galicia, foron os encargados de decidir cales das mostras presentadas serían premiadas en cada categoría. No caso dos viños presentáronse un total de 115 mostras, e na das augardentes un número de 9. Os compoñentes do comité eran David Silvosa, Irene García Reyes, Nuria Carballo Taboada, Vicente Fernández e Xosé Luis Reza.

Como resultado das valoracións finais extráense as adegas galardoadas nestas Catas de Galicia 2021 e nas súas categorías, celebrándose un acto solemne de entrega dos galardóns o día 21 de xullo de 2021, nos exteriores do Pazo de Quián (Boqueixón – A Coruña), sede da AGACAL.

Catas de Galicia 2021