Do 10 ao 14 de decembro 2020
Cidade da Cultura (Santiago de Compostela)

XXIII Cata dos Queixos e XIX Cata dos Meles de Galicia - 2020

Compartir

Os queixos e o mel son dúas das producións máis senlleiras do agro galego. As características específicas do noso territorio e o saber secular dos nosos produtores fan que estes produtos teñan personalidade propia e que acaden o recoñecemento dos consumidores. Para premiar a excelencia, a Consellería do Medio Rural concede anualmente as distincións que identifican aos mellores queixos e meles de Galicia.

Este certame está organizado pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, coa colaboración dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexidas de queixos existentes en Galicia (DOP San Simón da Costa, DOP Queixo Tetilla, DOP Arzúa-Ulloa e DOP Cebreiro), e o consello regulador da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia.

Para determinar cales son os mellores queixos e meles de cada categoría, entre os días 10 e 14 de decembro celebrarase unha precata ou cata de selección e unha cata final na Quinta da Auga, sita en Santiago de Compostela. Alí, un panel integrado por 27 profesionais experimentados no sector, analizará sensorialmente, e totalmente a cegas, as mostras de queixos e de mel para así poder valoralas.

Os gañadores coñeceranse posteriormente na entrega de premios correspondente á XXIII Cata dos Queixos e á XIX Cata dos Meles de Galicia.

Portada