21 de abril – 11 de maio do 2022
Santiago de Compostela

Catas de Galicia 2022 – XXXIV Cata dos Viños

Compartir

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, vén de convocar a XXXIV Cata dos Viños de Galicia 2022. O prazo de inscrición na mesma queda aberto dende o día 21 de abril ata o mércores 11 de maio.

Quen pode participar?
Nesta cata poderán participar os viños elaborados polas adegas inscritas nos rexistros de cada unha das denominacións de orixe existentes en Galicia: Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra. Tamén os procedentes das adegas produtoras de viños con indicación xeográfica protexida (“Viños da Terra”) da Comunidade Autónoma galega: Val do Miño-Ourense, Betanzos, Barbanza e Iria e Ribeiras do Morrazo.

As adegas que desexen participar cos seus viños nesta cata deberán enviar antes da data límite o boletín de inscrición, debidamente cuberto, aos consellos reguladores nos que estean inscritos. Para o caso dos viños con indicación xeográfica protexida enviaranse electronicamente ao Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria (Axencia Galega da Calidade Alimentaria) a través do enderezo electrónico catas.cmrm@xunta.gal, solicitando sempre confirmación da recepción.

Categorías de participación
Aos efectos desta cata-concurso establécense as categorías seguintes:

a) Denominación de Orixe Ribeira Sacra viños brancos
b) Denominación de Orixe Ribeira Sacra viños tintos
c) Denominación de Orixe Monterrei viños brancos
d) Denominación de Orixe Monterrei viños tintos
e) Denominación de Orixe Rías Baixas viños brancos
f) Denominación de Orixe Rías Baixas viños tintos
g) Denominación de Orixe Valdeorras viños brancos
h) Denominación de Orixe Valdeorras viños tintos
i) Denominación de Orixe Ribeiro viños brancos
j) Denominación de Orixe Ribeiro viños tintos
k) Viños de Colleiteiro e de pequenas adegas brancos
l) Viños de Colleiteiro e de pequenas adegas tintos
m) Viños con Indicación Xeográfica Protexida
n) Viños de “Variedades senlleiras”
o) Viños de “Colleitas anteriores brancos”
p) Viños de “Colleitas anteriores tintos”
q) Viños de “Elaboracións con madeira brancos”
r) Viños de “Elaboracións con madeira tintos”
s) Viños “Espumosos”
t) Viños “Tostados”
u) Viños “Ecolóxicos”

Todas as mostras que se presenten a concurso corresponderán a marcas que se estean comercializando e deberán estar etiquetadas segundo a normativa vixente. Todas as marcas deberán contar coa autorización de uso dos distintos consellos reguladores. Ademais, as marcas presentadas por cada adega non poderán ser máis de dúas por categoría. Do mesmo xeito, unha mesma marca non poderá participar en diferentes categorías. Dentro das bases da cata enuméranse os requisitos de participación no que respecta ao ano da colleita, tamaño das botellas da mostra, definicións das categorías e normativa vixente.

Recollida de mostras
A identificación e recollida das mostras realizarase pola organización, contando coa colaboración do persoal do consello regulador de cada DO, de acordo co programa que previamente se estableza para cada unha das denominacións de orixe. Da recollida de mostras levantarase a correspondente acta, na que asinarán un representante da adega e outro da organización.

No documento das bases especifícase de forma pormenorizada as existencias mínimas que ha de haber na adega da partida concursante, así coma as fases do proceso de recollida.

Xurado da cata
Para a supervisión da cata existirá un xurado, presidido pola dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, actuando como secretario un membro do persoal da Área de Calidade Alimentaria deste organismo e, como vogais, ata un máximo de cinco representantes dos consellos reguladores e de dous membros da dita Área. O xurado desta cata-concurso coidará especialmente que se conserve en todo momento o anonimato das mostras. O seu ditame nos premios será inapelable.

Panel da cata
Para a cualificación dos viños contarase cun panel de catadores, formado por un mínimo de 12 expertos en análise sensorial, procedentes de asociacións, centros tecnolóxicos e científicos do sector vitivinícola, paneis de cata dos consellos reguladores dos viños, restauración, distribución e medios de comunicación especializados de Galicia e do resto do territorio español. O proceso de precata e cata final quedan definidos nas bases da convocatoria.

Entrega de Acios
A entrega de premios realizarase nun acto convocado e organizado para tal fin, ao que se dotará da difusión, transcendencia e solemnidade axeitada. O premio consistirá na entrega dun trofeo -Acio- e diploma acreditativo para os viños que resulten mellor puntuados.


Os premios aos que se poden optar así coma os requisitos esixidos explícanse polo miúdo nas bases que poderedes descargarvos a continuación.


⬇️ Descarga as bases e o formulario de inscrición en pdf ⬇️

Catas de Galicia 2022 – XXXIV Cata dos Viños