21 de abril – 11 de maio do 2022
Santiago de Compostela

Catas de Galicia 2022 – XXIV Cata das Augardentes

Compartir

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, vén de convocar a XXIV Cata das Augardentes de Galicia, a XI Cata dos Licores de Herbas, Licor Café de Galicia e Augardente de Galicia Envellecida, e a IX Cata das Augardentes de Herbas de Galicia 2022. O prazo de inscrición na mesma queda aberto dende o día 21 de abril ata o mércores 11 de maio.

Quen pode participar?
Nesta cata poderán participar as augardentes de bagazo, augardentes de bagazo envellecidas, augardentes de herbas, os licores de herbas e o licor café, elaborados en industrias inscritas nos rexistros de elaboradores-envasadores do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Os comercializadores que desexen participar coas súas augardentes ou licores nesta cata deberán enviar antes da data límite o boletín de inscrición, debidamente cumprimentado, ao Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. O Consello Regulador será o que certifique que as industrias que se inscriban para participar neste concurso cumpren cos requisitos e condicións establecidas nas bases.

Categorías de participación
Aos efectos desta cata-concurso establécense as categorías seguintes:

a) Augardente de Galicia
b) Augardente de Galicia Envellecida
c) Augardente de Herbas de Galicia
d) Licor de Herbas de Galicia
e) Licor Café de Galicia

Poderán presentarse un máximo de dúas marcas que se estean comercializando por empresa e categoría, debendo ter sido previamente avaliadas polo Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Dentro das bases da cata especifícanse os requisitos de participación polo miúdo no que respecta ao volume que forme parte da partida homoxénea, embotellado e normativa vixente.

Recollida de mostras
A identificación e recollida de mostras será realizada pola organización, contando con apoio de persoal do consello regulador, de acordo co programa que previamente se estableza. Dada a gran diversidade existente nas botellas empregadas na expedición comercial das augardentes de bagazo e dos licores tradicionais, recolleranse en botellas de 3/8 de l proporcionadas pola organización, para conservar o anonimato das mostras. Da recollida de mostras levantarase a correspondente acta que asinarán o representante da industria e o da organización.

Xurado da cata
Para a supervisión da cata existirá un xurado, presidido pola dirección da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, actuando como secretario un membro do persoal da Área de Calidade Alimentaria deste organismo e, como vogais, dous funcionarios da mencionada área e un representante do Consello Regulador das IIXX das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. O xurado desta cata-concurso coidará especialmente que se conserve en todo momento o anonimato das mostras. O seu ditame nos premios será inapelable.

Panel da cata
Para a cualificación das augardentes e licores concursantes contarase cun panel de catadores formado por sete expertos na análise sensorial procedentes de asociacións, centros tecnolóxicos e científicos vitivinícolas, consellos reguladores de viños, restauración e medios de comunicación especializados dos que, como mínimo, catro pertencerán ao panel do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. O proceso de cata queda relatado nas bases.

Entrega de Potes
A entrega de premios realizarase nun acto convocado e organizado para tal fin, ao que se dotará da difusión, transcendencia e solemnidade axeitada. O premio consistirá na entrega dun trofeo -Pote- e diploma acreditativo para as augardentes e os licores que resulten mellor puntuados.
Os premios aos que se poden optar así coma os requisitos esixidos explícanse polo miúdo nas bases que poderedes descargarvos a continuación.


⬇️ Descarga as bases e o formulario de inscrición en pdf ⬇️

Catas de Galicia 2022 – XXIV Cata das Augardentes