1-3 de decembro 2021
Hotel Quinta da Auga (Santiago de Compostela)

Cata dos Queixos e Meles de Galicia 2021

Compartir

Queixos e meles son dúas das producións máis senlleiras do agro galego. As características específicas do noso territorio e a gran calidade da materia prima, unidas ao saber facer secular dos nosos produtores e elaboradores, fan que estas xoias culinarias con certificación de orixe teñan unha personalidade única e recoñecible.

Co fin de valorizar e premiar a súa excelencia, a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia convoca cada ano as Catas dos queixos e dos meles, unhas distincións que procuran distinguir aos mellores queixos e meles de Galicia.

Este certame está organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, coa colaboración dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexidas de queixos existentes en Galicia (DOP Cebreiro, DOP San Simón da Costa, DOP Queixo Tetilla e DOP Arzúa-Ulloa) e o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Para determinar os galardoados en cada unha das edicións e por cada unha das categorías, entre os días 1 e 3 de decembro celebraranse unha precata, ou cata de selección, e unha cata final na Quinta da Auga, ubicada en Santiago de Compostela. Alí, un panel integrado por 14 profesionais versados no sector analizará sensorialmente, e totalmente a cegas, as mostras de queixos e de meles presentadas.

Os gañadores resultantes daranse a coñecer posteriormente na gala de entrega de premios correspondente coa XXIV Cata dos Queixos e a XX Cata dos Meles de Galicia.

Cata Queixos e Meles Galicia 2021