Catas de Galicia 2019: XVIII Cata dos meles e XXII Cata dos queixos

Compartir

Do 27 ao 29 de novembro de 2019 terán lugar a XVIII CATA DOS MELES e XXII CATA DOS QUEIXOS DE GALICIA.

Organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), da Consellería do Medio Rural, coa colaboración dos consellos reguladores das catro denominacións de orixe protexidas de queixos existentes en Galicia: Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón da Costa e o consello regulador da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia. Consisten ambas nunha precata ou cata de selección e nunha cata final.

O prazo de inscrición para os/as interesados/as rematará o vindeiro 31 de outubro.

Esta cata anual está organizada pola Consellería do Medio Rural a través da AGACAL en colaboración cos consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e das catro denominacións de orixe protexidas queixeiras: Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro.

Na edición de 2018, que se celebrou  no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela en Lamas de Abade (Santiago) os días 21, 22 e 23 de novembro de 2018, participaron un total de 21 meles (7 monoflorais e 14 multiflorais) pertencentes a 14 industrias envasadoras, e 71 queixos (27 Queixo Tetilla, 19 Arzúa-Ulloa, 9 Arzúa-Ulloa curado, 10 San Simón da Costa, 4 Cebreiro e 2 Cebreiro curado) de 37 industrias diferentes,.

A cata organízase en dúas fases diferenciadas; a primeira centrada na recollida de mostras e a segunda na celebración da cata propiamente dita. 

Nos días previos á cata visítanse as instalacións das industrias inscritas e elíxense ao chou  as mostras que se introducen nunha caixa na que figurará unicamente o nome da denominación e o número de mostra. Estas caixas serán transportadas ata o lugar de celebración da cata, onde permanecerán debidamente precintadas e refrixeradas ata o inicio desta. Para asegurar o anonimato da marca concursante as mostras dos queixos e meles participantes serán etiquetados e identificados cun número que substituirá, durante o proceso de cata, a etiqueta identificativa habitual do produto e que quedará rexistrado xunto coa marca comercial e o número do lote na acta de recollida correspondente. Tamén se eliminará da mostra calquera outro elemento que as poida identificar. No caso dos meles, dada a gran diversidade dos envases empregados na expedición comercial, as mostras recolleranse en envases de cristal transparente de 500 gr sen marcas, debuxos nin calquera outro elemento que puidera levar a súa identificación.

Os meles poderán concursar en dúas categorías; a Categoría A, que abarca calquera dos meles monoflorais (eucalipto, castiñeiro, silveira e breixo) incluídos no regulamento da IXP Mel de Galicia e a Categoría B, correspondente aos meles multiflorais. 

Os queixos que se presenten a concurso serán de elaboración propia do participante e deberán ter un período de maduración, no momento da cata, de entre 14 e 21 días, nos casos do Queixo Tetilla e Arzúa-Ulloa; entre 45 e 90 días para San Simón da Costa e, no caso do Cebreiro ter unha maduración mínima de 2 días. Os queixos que participen no categoría “Arzúa-Ulloa curado” será dun mínimo de 6 meses e un máximo de 15 meses, e nos da categoría “Cebreiro curado” entre 45 días e 4 meses.

Tanto a cata dos meles como a dos queixos farase baixo a modalidade de “cata a cegas”, que consiste en que os catadores descoñecen en todo momento a que elaborador pertence o produto que están a avaliar. Para conseguir iso, a organización establece un sistema de identificación que garante o anonimato das mostras durante todo o proceso, de xeito que os queixos e meles premiados non se coñecerán ata o día da entrega dos premios, evento   xa consolidado no calendario gastronómico galego.

O panel de cata confórmase de acordo coas propostas dos consellos reguladores e do sector baixo a supervisión da AGACAL. Para a selección dos expertos téñense en conta criterios como a súa formación; coñecemento no sector; experiencia en catas; representación de asociacións de restauradores e catadores; ou relacionados coas seccións de gastronomía de distintos medios de comunicación galegos e estatais, e membros do panel de cata dos consellos reguladores.

Para a cata dos meles contarase con 7 catadores. Na cata dos queixos participarán 12 catadores.