Todo a punto para que comece en Vigo o primeiro concurso para bloggers gastronómicos

Compartir

Promocionar os produtos con DOP e IXP é o obxectivo principal deste evento

O primeiro concurso para bloggers gastronómicos que se celebra en Galicia, Blogcina Galicia, comeza a súa conta atrás. Este evento, patrocinado pola Consellería de Medio rural terá lugar entre o 4 e o 6 de marzo no Auditorio Mar de Vigo e ten como obxectivo a posta en valor dos produtos galegos de primeira calidade amparados polas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia.
Hoxe, venres 28, celebrouse un sorteo para escoller os compoñentes dos equipos participantes. Cada equipo estará formado por un recoñecido chef galego, un blogger con influencia a nivel nacional e un sumiller galego. Aínda que o responsable de executar o cociñado será estritamente o blogger, o chef –que propón a receita- e sumiller estarán presentes durante o cociñado, asesorando para acadar o mellor prato. O xurado terá en conta criterios como o sabor, a creatividade, a complexidade na elaboración e o número de produtos con DOP ou IXP empregados na proposta presentada.
A presentación oficial do evento terá lugar a vindeira semana, o mércores 4 de marzo. O concurso dará comezo o xoves 5 ás catro da tarde no Auditorio Mar de Vigo, coa celebración das semifinais, e continuará coa final o venres 6 pola mañá.

Máis información na web blogcinagalicia.com