Publicado o Decreto de artesanía alimentaria, que regula e pon en valor os produtos feitos de xeito tradicional

Compartir

Busca recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais da artesanía alimentaria, así como preservar e estimular o establecemento das empresas artesanais alimentarias

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 10 de febreiro o Decreto polo que se regula a artesanía alimentaria, que entrará en vigor aos seis meses desde a data de publicación. Este documento, que supón o desenvolvemento do establecido no capítulo III do Título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, foi elaborado polas Consellarías de Medio Rural e de Mar da Xunta de Galicia e impulsado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

No texto, de acordo coa lei citada, descríbese a artesanía alimentaria como "a actividade de elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios que, cumprindo os requisitos que establece a normativa vixente, están suxeitos a unhas condicións durante todo o seu proceso produtivo que, ademais de ser respectuosas co ambiente, garantirán ás persoas consumidoras un produto final individualizado, seguro desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal da artesá ou artesán".

Dous obxectivos principais guiaron a elaboración do decreto: a posta en valor os produtos agrarios e pesqueiros elaborados de xeito tradicional e a protección dunha actividade tradicional e das persoas que a realizan. A norma establece medidas dirixidas á preservación da tradición alimentaria galega fronte á estandarización derivada das formas modernas de produción, vinculando a regulación da artesanía alimentaria á produción de materias primas de calidade, a estruturas produtivas tradicionais, ao medio rural e litoral e á súa forma de vida e cultura ancestrais, á calidade dos produtos e á protección do medio natural, entre outros factores específicos.

Para lograr os obxectivos de ordenación e promoción do sector artesán, a norma regula as condicións técnicas necesarias para a produción artesanal dos produtos alimentarios, que se concretarán posteriormente mediante diferentes normas técnicas (cos procesos e requisitos específicos de elaboración para cada actividade).

O texto incorpora tamén unha relación de actividades artesanais alimentarias que van ser obxecto de regulación. Esta lista recolle dende derivados lácteos, cárnicos ou de produtos pesqueiros ata viños, licores, sidra e cervexa, pasando por produtos de panadería e confeitaría ou marmeladas e conservas vexetais.

Por último, ademais da denominación xenérica “artesanía alimentaria”, a norma establécense dúas identificacións que distinguirán dous tipos de produtos artesanais específicos: os produtos caseiros ou da casa e os elaborados na montaña. Os primeiros serán os que utilicen como base fundamental as materias primas procedentes dunha explotación agraria ligada á empresa artesanal. Pola súa banda, os produtos artesáns de montaña son os elaborados por empresas artesanais alimentarias radicadas en zonas cualificadas como “de montaña”, de acordo co que establece a normativa da Unión Europea.

O rexistro da artesanía alimentaria e as empresas artesanais alimentarias 

O decreto regula tamén o Rexistro da artesanía alimentaria, onde han de inscribirse as empresas artesanais alimentarias. O dito rexistro queda adscrito á Agacal.

Para podérense inscribir neste rexistro, as empresas artesanais alimentarias deberán cumprir, segundo o establecido no decreto, requisitos que atinxen á elaboración manual, á utilización de materias primas seleccionadas, á limitación no uso de aditivos, á intervención persoal dunha ou varias persoas artesás e ao volume de produción. Ademais, os produtos artesanais deben ter unha coidada presentación, tratando de fuxir da súa asociación con produtos toscos.

Ademais, a definición que se fai no decreto das microempresas artesanais e das explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros poderá permitir aplicar criterios de flexibilización dos requisitos hixiénico-sanitarios conforme o que establece a lexislación europea para as empresas alimentarias de pequeno tamaño, sen menoscabo da súa calidade hixiénica.