O Pan Galego contará cun selo de calidade

Compartir

Nas vindeiras semanas aprobarase o regulamento da IXP Pan Galego e do seu consello regulador e nomearase un consello regulador provisional, co que comezará a súa andaina esta indicación xeográfica protexida. 

Os representantes do sector presentaron hoxe a documentación para a súa tramitación.

No día de hoxe, 18 de febreiro, os representantes dos diferentes sectores implicados na indicación xeográfica protexida Pan Galego -produtores de trigo, elaboradores de fariña e panadeiros- entregaron no rexistro xeral da Xunta de Galicia o borrador do regulamento que ha de rexer a actividade desta indicación xeográfica protexida e o funcionamento do seu consello regulador. Ademais presentaron tamén a súa proposta para a composición do consello regulador provisional, encargado de poñer en marcha a indicación xeográfica. O consello regulador terá unha presidencia e dez vogalías, ocupadas tres por representantes do sector produtor de trigo, dous por representantes dos muíños e cinco por titulares das panaderías.

Este trámite ven despois da publicación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) do pasado día 20 de decembro do Regulamento da Comisión pola que se fai a inscrición definitiva no Rexistro Comunitario da indicación xeográfica protexida Pan Galego, que supuxo a protección deste produto no ámbito europeo logo dun proceso iniciado oficialmente en 2015 pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan), se ben os traballos para acadar este logro viñan de anos atrás.

Está previsto que nas vindeiras semanas se aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se aproba o regulamento da IXP e do seu consello regulador. A partir dese momento abriranse os diferentes rexistros (de produtores de trigo, de muíños e de panaderías) e intensificaranse os traballos para conseguir que durante este ano xa se poida atopar no mercado pan identificado como Pan Galego.

Protexer as panadarías tradicionais

A necesidade dun indicativo de calidade para o pan viuse acrecentada nos últimos anos debido á forte penetración no mercado do pan precocido conxelado, as clásicas "baguettes", elaboradas en grandes instalacións industriais e quentadas en fornos eléctricos nos puntos de venda para servilas “acabadas de facer”. Co obxectivo de frear esta tendencia, que trouxo consigo o decaemento das panadarías tradicionais, e valorizar o produto elaborado seguindo as prácticas tradicionais, púxose en marcha o proxecto para a creación da indicación xeográfica protexida Pan Galego / Pan Gallego. 

Agárdase que esta medida afecte positivamente a un gran número de pequenas panaderías distribuídas por todo o territorio, nomeadamente nas zonas rurais. Ademais, esta IXP vai servir para incentivar o cultivo de trigo en Galicia, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores e fronte ao abandono do rural e mesmo para evitar incendios forestais ao actuar os terreos de labradío como barreira contra os lumes.

Características do pan galego

As características que deberá ter o pan para poder acollerse a esta IXP están recollidas no texto da norma que se vai aprobar. Trátase, segundo se describe, dun pan de codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.
Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade auga, e polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

A normativa desta IXP establece tamén os diferentes formatos tradicionais que se admiten, como o bolo ou fogaza, a rosca, a bola ou torta e a barra, e os rangos de pesos que poden ter as pezas. A maiores define as características da codia e da miga, así como o aroma e o sabor do produto. Outra das características desta IXP é a súa presentación en envases individuais que incluirán o logotipo da IXP.