O Diario Oficial da UE publica o regulamento polo que se aproba a modificación do prego de condicións da IXP Pataca de Galicia

Compartir

Os cambios principais consisten na ampliación da área de produción a toda a comunidade autónoma e a introdución de dúas novas variedades, a Agria e a Fina de Carballo.

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe o regulamento de execución da Comisión polo que se aproba a modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia. Esta modificación fora tramitada anteriormente pola Consellería do Medio Rural.

Deste xeito, o novo prego de condicións desta IXP queda inscrito no rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, co que se acada un logro moi agardado polos produtores de pataca de calidade de Galicia.

Un dos cambios que se produce é a ampliación da área de produción e envasado deste produto, que a partir de agora abarcará todo o territorio da Comunidade Autónoma. Ata agora, este selo só permitía o cultivo e envasado de patacas en catro subzonas de produción: Bergantiños (A Coruña); Terra Cha - A Mariña (Lugo); Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense).

Por outra banda, ademais da variedade Kennebec, que era a única admitida ata agora, tamén poderán acollerse á certificación de calidade da IXP as variedades denominadas Agria e Fina de Carballo, aumentando deste xeito as posibilidades de produción.

Independentemente da variedade de que se trate, as patacas acollidas a esta indicación xeográfica teñen unha pel de aparencia lisa e fina e caracterízanse por unha textura firme ao tacto e cremosa ao ser cocidas e consistente en boca. A súa calidade para o consumo é excelente, destacando polo seu contido en materia seca e por manter as súas calidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñadas.

Con estes cambios preténdese darlle un impulso a este sector e reforzar a comercialización deste produto tan senlleiro do agro.

Campaña 2019
Segundo os datos rexistrados polo Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, este selo facturou o ano pasado produto por un valor de 4,7 millóns de euros, ao comercializar 4750 toneladas deste produto. Actualmente están inscritos un total de 79 produtores e 10 almacenistas, que cultivan preto de 300 hectáreas.