A artesanía alimentaria acollerá a produción dos pequenos produtores artesanais

Compartir

Logo da aprobación do decreto polo que se regula a artesanía alimentaria, falta por aprobar a orde que regula as normas técnicas de cada un dos produtos, agora mesmo en período de exposición pública. Artesanía alimentaria, artesanía alimentaria da casa e artesanía alimentaria da montaña serán os distintivos que amparen estes produtos.

O conselleiro de Medio Rural, José González, presidiu o acto de presentación do decreto polo que se regula a artesanía alimentaria en Galicia, celebrado o mércores 28 de outubro no Pazo de Quián, en Sergude. Na súa intervención resaltou a aposta deste decreto “pola arte, polo san e polo galego” e a súa confianza en “engrandecer a riqueza cultural de Galicia” e en seguir impulsando o que foi e é “unha economía básica para moitas familias do medio rural”. As persoas artesás que elaboran alimentos poderán acollerse máis adiante a este selo de calidade, sempre que cumpran as normas técnicas.

O coidado da materia prima e o proceso de elaboración, se ben son diversos, serán fundamentais nos grupos de produtos que recolle o decreto e que poderán acceder aderivados lácteos; derivados cárnicos (embutidos, salgados, afumados, adubados, conservas cárnicas ou patés); sidra e vinagre de sidra; cervexa; conservas vexetais, zumes e marmeladas, produtos transformados vexetais como os desecados; mel, produtos apícolas ou elaborados con mel; produtos de panadaría, confeitaría, pastelaría e pastas; chocolate e derivados do cacao; infusións e condimentos, e aceite de oliva.

Tras a intervención de José Luis Cabarcos, director da Agacal, que se amosou convencido das vantaxes que este selo traerá para os pequenos produtores alimentarios a curto e medio prazo, Ricardo Rivas, xefe da Área de Calidade Alimentaria e Xoán Concheiro, xefe do Departamento de Protección da Calidade Diferenciada, explicaron polo miúdo os aspectos máis relevantes do decreto e de como funcionará, destacando que, grazas à nova normativa, poderemos diferenciar e protexer os produtos que realmente son artesáns dos que non o son.

Tamén para a persoa consumidora supón unha vantaxe poder distinguir determinados produtos co valor engadido do que é “da terriña”. As normas de cada alimento son variadas, e cada unha delas marcará as prácticas permitidas e as prohibidas, as posibilidades de mecanización -sempre limitadas- e os límites de produción por artesán ou artesá. Os técnicos da Agacal explicaron que estas primeiras normas técnicas, actualmente en fase de consulta pública , son o resultado de diversos encontros cos grupos técnicos de artesáns.

 

 

No acto participaron, ademais, tres operadores de referencia en Galicia: Carlos Brea, de Cervexa Toupiña, obradoiro de cervexa de Lagazós (Lalín); Alberto Rodríguez, da Pastelería Estilo, obradoiro de confeitaría de Melide, e Brígida Hermida, de Xearte Brigitte, obradoiro de xeados de Santiago de Compostela. Os tres artesáns explicaron como son os seus procesos ata chegar ao resultado final dos seus produtos estrela e conversaron nunha mesa redonda que podes ver neste vídeo:

 

 

Para acceder aos principais contidos do decreto, podes descargar máis abaixo o FOLLETO e a GUÍA, algo máis extensa.