A Agacal constrúe tres invernadoiros para prácticas de produción ecolóxica en centros escolares

Compartir

No marco dun plan piloto aprobado en novembro de 2019, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) instalou tres invernadoiros en centros educativos dos denominados CRA (colexios rurais agrupados) de Tomiño, Coristanco e Ribadavia.

Estas escolas, pola súa situación no medio rural, son idóneas para tratar de introducir no entorno educativo elementos vencellados á actividade agraria, de xeito que os nenos e as nenas poidan levar ao centro escolar os coñecementos adquiridos nas actividades da horta familiar e ao revés, que os saberes adquiridos no colexio se introduzan nas prácticas agrarias das familias, sexan profesionais ou non.

As instalacións, de 24 metros cadrados, están dotadas dun atractivo deseño en forma de capela de policarbonato ríxido de gran duración que se trataron de integrar no medio educativo como un elemento máis de formación e lecer, e onde o alumnado desenvolva prácticas relacionadas co medio agrario e a produción ecolóxica.

Precisamente a produción ecolóxica pode ser unha eficaz ferramenta de desenvolvemento económico no rural. Prevese que estes invernadoiros permitan tomar contacto con sistemas de produción libres de residuos, que empregan só fertilizantes orgánicos, contribuíndo a interiorizar desde os primeiros anos este sistema de produción respectuoso co medio ambiente, que de seguro terá nos vindeiros anos unha gran demanda e aceptación social.

No proxecto colabora o Consello regulador da Agricultura ecolóxica de Galicia (Craega), que desenvolverá contidos educativos específicos para cada grupo de idade escolar e que se van distribuír de xeito xeneralizado nas escolas acollidas ao plan “Proxecta”. Tamén fará seguimento individualizado de cada invernadoiro durante as fases de posta en marcha.