Os Acios e os Potes das Catas de Galicia 2021 xa teñen gañadores

Os Acios e os Potes das Catas de Galicia 2021 xa teñen gañadores

Compartir

Ó Prómine Singular, de Bodegas Petrón, S.L. na categoría de viños tintos, e Pazo de Rubianes, de Pazo de Rubianes, S.L. na de viños brancos, foron recoñecidos cos Acios de Ouro aos Mellores Viños de Galicia deste 2021.

Poñer en valor os viños, augardentes e licores tradicionais elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, así como recoñecer o saber facer dos adegueiros e augardenteiros galegos, é o obxectivo polo que todos os anos a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), pon en marcha as Catas de Galicia.

Un certame que culmina coa gala de entrega dos Acios e dos Potes aos mellores viños, augardentes e licores tradicionais de cada edición. Acto que este ano puido celebrarse nos exteriores do Pazo de Quián ante a presenza dun reducido número de asistentes, cumprindo así de forma estrita coas medidas de seguridade sanitaria.

Na gala das Catas de Galicia 2021 fíxose entrega dos cobizados Acios de Ouro ao Mellor Viño Branco e ao Mellor Viño Tinto de Galicia, así como os esperados Potes que distinguen aos mellores Augardentes, Licor Café e Licor de Herbas da nosa comunidade, nun evento que, ao igual que no pasado ano, puido ser seguido en rigoroso directo víastreaming a través da canle de Youtube da Agacal.

O acto estivo presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez; a conselleira de Emprego e Igualdade, Mª Jesús Lorenzana Somoza; o alcalde do Concello de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; e o director xeral da Agacal, JoséLuisCabarcosCorral.

Así se desenvolveu a entrega (vídeo):

 

 

No transcurso da gala puidemos coñecer que adegas resultaban premiadas dentro das cinco denominacións de orixe de viños galegos (Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Ribeira Sacra e Rías Baixas). Do mesmo xeito, distinguíanse aos viños brancos e tintos que acadaran un premio nas categorías de Viños con Indicación Xeográfica Protexida (Barbanza e Iria, Ribeiras do Morrazo, Betanzos e Val do Miño-Ourense), Viños de Elaboracións con Madeira, Viños de Colleitas Anteriores, Viños de Colleiteiro e Pequenas Adegas e Viños Espumosos. Como novidade, estreábase a categoría ao Mellor Deseño, co seu correspondente Acio e Pote de Ouro en recoñecemento á orixinalidade e creatividade de botellas e etiquetaxes.

Finalmente, por vez primeira se outorgaban dous Acios de Ouro de Honra, premios honoríficos que recaerían na figura do tristemente desaparecido Waldo Carreiras Albo, un dos impulsores das Catas de Galicia, pola súa gran contribución aos produtos galegos de calidade. E, por outra banda, ao xeógrafo e botánico AlainHuetz de Lemps pola súa inestimable aportación ao coñecemento do sector vitivinícola galego na década dos 50 e 60, un galardón que se lle fará chegar a Francia, onde reside aos seus 96 anos de idade.

En definitiva, a relación dos galardoados foi a seguinte.

Cabe recordar que os gañadores de cada categoría foron elixidos tras un proceso de cata a cegas levado a cabo durante cinco días (entre o 7 e o 11 de xuño) por unha vintena de expertos, encargados de avaliar sensorialmente as 413 mostras de tintos e brancos pertencentes a 169 adegas, e as 27 mostras de augardente, licor de herbas e licor café correspondentes a 11 industrias galegas.